Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e a USC asinan un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo


# Mércores, 06/06/2007
O Alcalde e o Reitor da Universidade de Santiago asinaron o documento que exime á USC do pago do IBI.

López Orozco anunciou que o Plan Director do Parque Rosalía de Castro contratarase á USC.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Campus de Lugo. Grazas a esta colaboración, as dúas institucións estreitan aínda máis as súas relacións e favorecen o crecemento do Campus nos eidos das infraestruturas, urbanismo, docencia e investigación. No acto estiveron presentes os voceiros dos grupos políticos municipais, o Vicerreitor do Campus de Lugo e o Xerente.

O Alcalde de Lugo afirmou que “hoxe é un día de ledicia” porque este convenio non só permite dar solución “a unha asignatura pendente”, senón que aposta polo crecemento da Universidade, coa que o Concello mantén excelentes relacións. López Orozco destacou tamén que “o convenio permite non cobrar o IBI á Universidade. Para iso, veunos axudar unha sentenza que nos alegrou porque permitiu solucionar os problemas legais que podían existir”.

Nos últimos anos o Concello encargou á Universidade traballos como o estudo do botellón ou dos caneiros do río Miño, o plan de emerxencias municipal, colaboraron en congresos, cursos da primavera, etc. A próxima colaboración será a elaboración do Plan Director do Parque Rosalía de Castro, pendente de asinar. López Orozco afirmou que aposta por manter esta liña de colaboración, “que tamén tense que materializar no Centro Tecnolóxico Agroalimentario”.

O Reitor destacou que “sempre houbo a vontade de chegar a un acordo entre o Concello e a Universidade”. Por iso, ademais de quedar saldadas con este convenio as contas entre as dúas institucións polo imposto do IBI de varios anos e numerosas licenzas, a Universidade verase benificiada por unha bonificación do IBI nun 95%. O 5% restante será devolto á USC para reverter no campus lucense.

Senén Barro afirmou que “a USC fará o mellor servizo para a cidade e a provincia porque somos unha universidade que pensa no mundo”. Ademais, agradeceu a colaboración porque “é difícil que unha universidade sexa forte se as institucións non están absolutamente implicadas”, concluiu.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova