Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde recibe aos alumnos cataláns participantes no proxecto Galauda


# Venres, 18/05/2007
Os 40 rapaces estudan galego en institutos de Barcelona, Santa Coloma de Granollers, Hospitalet e Castelldefels

O Alcalde, José López Orozco, recibiu esta mañá ás 12:45 horas un grupo de alumnos cataláns participantes no proxecto Galauda. O acto tivo lugar esta mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

Os 40 rapaces acudiron acompañados polos oito profesores que están a desenvolver o proxecto Galauda en institutos de Barcelona, Santa Coloma de Granollers, Hospitalet e Castelldefels. Fomenta a educación intercultural a través do achegamento á lingua e cultura galegas. Os rapaces teñen dúas clases semanais de galego. Ao longo desta semana están a visitar Galicia como actividade complementaria á súa formación.

O Alcalde felicitou a todos os participantes do Proxecto Galauda “porque España é inmensamente rica en diversidade cultural, pois temos catro idiomas e catro literaturas, pero para respetalas temos que coñecelas”.

José López Orozco recordou que “Cataluña e Galicia están unidas por un forte vínculo humano, xa que en Cataluña moitos emigrantes galegos atoparon un lugar para traballar, vivir e amar; por iso, é moi importante que rompamos cos prexuízos descubrindo as nosas culturas”.

O grupo de rapaces e profesores recibiron como agasallos institucionais unha reproducción da Muralla e varios libros editados polo Concello. Os visitantes teñen previsto pasar o resto da xornada visitando os principais monumentos da cidade.

O proxecto Galauda tamén se está a desenvolver en varios institutos galegos de poboacións como Meira, Oleiros ou Cambados, nos que os alumnos estudian catalán. Esta semana todos os participantes neste proxecto interautonómico celebran varias actividades conxuntas de intercambio lingüístico e cultural.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova