Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Conselleiro de Presidencia e o Alcalde de Lugo participaron na inauguración da nova sede da Audiencia Provincial


# Xoves, 03/05/2007
A Xunta reclama máis competencias xudiciais en materias de planta e demarcación e de recursos humanos

O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, participaron hoxe xunto outras autoridades na inauguración da nova sede da Audiencia Provincial.

Sobre a sede da Audiencia Provincial de Lugo, o conselleiro declarou que se trata dun “magnífico edificio” con máis de 4.000 metros cadrados útiles e un investimento superior aos 2.000.000 euros que significa un “compromiso firme” coa infraestrutura física e material coa xustiza na cidade de Lugo e na súa provincia.

“Este edificio permítenos practicamente facer realidade ese concepto de Cidade da Xustiza que hoxe se intenta desenvolver en todos os lugares”, asegurou, engadindo que con el se dá resposta acaída ás necesidades das dúas seccións que conforman a Audiencia tendo en conta a necesidade existente a medio prazo de incrementar o seu número de maxistrados.

Así mesmo, explicou que proximamente se darán novos pasos cara a futura oficina xudicial coa aprobación da relación de postos de traballo e tamén se iniciará o proceso que permita centralizar algúns dos servizos como corresponden a ese novo modelo, como o rexistro, a oficina de atención ás vítimas ou o arquivo.

Competencias en materia de xustiza
Méndez Romeu considerou hoxe que o esquema actual de distribución competencial en materia de xustiza “non é aceptable, polo menos como un modelo de futuro”. Nese sentido, avogou por pasar da situación actual -na que as necesidades de planta e demarcación son decididas unilateralmente polo Ministerio de Xustiza previa consulta ás Comunidades Autónomas- a un sistema “polo menos de codecisión que permita que a creación de unidades sexa unha decisión moito máis rápida, sobre todo na medida en que o custo da infraestrutura xudicial está fundamentalmente soportado polas Comunidades”.

“Queremos dar pasos importantes para que decisións como a modificación da demarcación e a creación de novos partidos xudiciais se produzan cunha maior rapidez”, asegurou esta mañá, no acto de inauguración da sede da Audiencia Provincial de Lugo. Así mesmo defendeu que a competencia das CCAA en materia de recursos humanos sexa moito máis ampla, incluíndo a oferta pública de emprego e os procesos de selección e provisión de prazas para evitar o longo tempo que na actualidade transcorre entre a celebración dos concursos e a cobertura das necesidades que se demandan, “todo iso sen prexuízo do necesario carácter de corpos nacionais, co que iso significa a efectos laborais e de carreira profesional”.

Neste sentido, Méndez Romeu avanzou que, nos próximos meses, a Xunta proporá ao Tribunal Superior de Xustiza e á Fiscalía a elaboración dun documento de planificación que permita medir as necesidades de Galicia tanto en materia de planta como de recursos humanos a medio prazo e, polo tanto, ter unha guía de actuación máis sólida na planificación de investimentos.

Financiamento da Xustiza
O conselleiro manifestou tamén o seu interese en que a Xunta participe no financiamento da Xustiza mediante a participación nos réditos das contas de depósito e consignación xudicial, así como nos ingresos por multas e por taxas. “A metade das comunidades teñen rexeitado asumir as competencias en materia de xustiza porque a experiencia das que si as estamos a exercer non é precisamente satisfactoria –explicou- e así se está trasladando de xeito continuo ao Ministerio de Xustiza, sabendo que é un problema que necesita tempo e importantes modificacións con carácter de lei orgánica para a súa solución”.

O titular de Presidencia lembrou así mesmo que na actualidade se están a poñer os medios en distintas áreas, por exemplo, para mellorar as condicións materiais da Fiscalía en todo o territorio de Galicia, para crear un servizo forense moderno por medio da creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) ou para a implantación de modernos sistemas de mediación na actuación específica xurisdicional de xuíces e maxistrados; e reiterou o compromiso do Goberno por unha “política constante de mellora de infraestruturas en todos os partidos xudiciais de Galicia”.

Fundación Galicia Emigración
Doutra banda, preguntado polos xornalistas sobre a dimisión da directora da Fundación Galicia Emigración, Méndez Romeu destacou que “no goberno de Galicia cando un alto cargo toma unha decisión imprudente ou errónea presenta a dimisión inmediatamente” e indicou que, en casos anteriores, “outros non o fixeron nin parece que no momento actual se sintan afectados”.

“Non creo que o señor Feijóo poida levantar a voz absolutamente en nada referido a política de emigración”, declarou neste sentido, e lembrou que este asunto será sometido a debate nos vindeiros días no Parlamento.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova