Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo e Santiago promocionaranse en rede para aumentar o número de turistas


# Xoves, 19/04/2007
Liderarán unha ruta turística de Cidades Patrimonio da Humanidade e outra dos concellos que participan na Ofrenda do Reino de Galicia.

En Lugo aumentaron máis dun 50% os turistas alemáns e italianos tamén grazas ós voos de baixo custe implantados en Santiago.

Os Alcaldes de Lugo e Santiago, José López Orozco e Xosé Sánchez Bugallo, anunciaron hoxe que farán promocións conxuntas para incrementar o número de turistas nos seus respectivos municipios. Os edís mantiveron hoxe unha reunión de traballo para facer un seguimento do convenio de colaboración que tiñan asinado desde hai 4 anos. Liderarán unha ruta turística de Cidades Patrimonio da Humanidade, outra de cidades do Antigo Reino de Galicia e colaborarán no próximo Foro Internacional de Cociñas do Atlántico, entre outras apostas.

“O que favorece a Santiago, favorece a Lugo”, dixo López Orozco. Santiago, porta de entrada dos turistas a Galicia, redunda turisticamente en beneficio do noso municipio e así o demostran os últimos datos. Os voos de baixo custe implantados en Santiago provocaron un aumento do turismo internacional. “En Lugo houbo un incremento do 52% de visitas de alemáns e do 64% de visitas de italianos no ano 2006 respecto ó 2005”, explicou López Orozco.

Sánchez Bugallo destacou que “nos últimos anos produciuse unha auténtica revolución turística: diversificación dos destinos, voos de baixo custe, establecemento de conexións con moitos países... Eu creo que ós turistas que recibimos lles pode resultar moi atractivo Lugo porque nos complementamos perfectamente”. O aeroporto de Santiago está a recibir o 90% dos turistas internacionais en Galicia.

Redes de cidades

Tendo en conta a influencia da capital de Galicia en Lugo, os Alcaldes acordaron crear e liderar unha rede de Cidades Patrimonio da Humanidade. Curiosamente os dous municipios recibiron hai días o Premio Nacional Cidades Patrimonio. Na rede participarán tamén Porto e Guimaraes, os dous concellos Patrimonio que tamén conforman o Eixo Atlántico.

Ó mesmo tempo crearán unha rede das cidades que participan na Ofrenda do Reino de Galicia. “É un feito que distingue a Lugo: o Santísimo Sacramento e imos poñelo en valor facendo da tradición un produto turístico de calidade”, afirmou López Orozco.

Os Alcaldes explicaron que Lugo terá un importante papel no Foro Internacional Cociñas do Atlántico, que se vai celebrar proximamente na capital de Galicia para promocionar a dieta do atlántico.

Ademais, a información turística de Lugo seguirá presente nas oficinas de turismo de Santiago, onde reciben 260.000 consultas ó ano.

Xosé Sánchez Bugallo destacou que “probablemente as dúas cidades máis parecidas de Galicia son Lugo e Santiago”, polo que abogou por continuar profundizando nesta relación. Animou a Lugo a continuar traballando para conseguir o mesmo que fixeron na capital de Galicia: evitar un turismo estacional e manter un alto grao de ocupación hoteleira durante todo o ano.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova