Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Todo listo para que a Ministra de Agricultura e os socios do CETAL asinen a súa posta en marcha


# Xoves, 12/04/2007
O último patrón fundador que quedaba por incorporarse -a Xunta de Galicia- aprobou hoxe a súa inclusión.

O Alcalde demostra con obras que “Lugo vive un momento doce”.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosou hoxe a súa satisfacción despois de que a Xunta de Galicia aprobase a súa incorporación ó CETAL. Era o último dos socios fundadores que quedaba por formalizar a súa inclusión. Polo tanto a Ministra de Agricultura estará en Lugo a finais deste mes para asinar a posta en marcha do centro. Tamén o Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio de varias obras de saneamento no rural lucense. "Lugo está a vivir un momento doce", reafirmou López Orozco.

Despois de agradecer o seu apoio e tesón con respecto ó CETAL ó Deputado no Parlamento estatal José Blanco e á Ministra de Agricultura, o Alcalde expresou a súa enorme satisfacción porque o Consello da Xunta de Galicia aprobara hoxe a súa incorporación ó CETAL. Era o último dos fundadores que quedaba por facelo.

O Alcalde subraiou que Lugo conta coa maior capacidade de produción de leite de España, por iso "senón existise o CETAL perderiamos competitidade e postos de traballo. Non só imos gañar postos de traballo de modo efectivo, senón que evitaremos que se perdan nun sector importante en Galicia e no noroeste. Lugo incorpórase ás cidades que teñen centros tecnolóxicos para explotar os seus recursos e servir a un sector que o demandaba", afirmou.

Saneamento da zona rural
A Xunta de Galicia tamén aprobou hoxe o inicio de varias obras de saneamento en varios puntos da zona rural. Son obras por un valor de 1.500.000 euros, nas que o Concello aporta o 30% e o goberno autonómico o 70%. O Alcalde adiantou que este ano vanse contratar e facer outros proxectos de obra para o saneamento rural. "Estes traballos son moi importantes para a conservación do medio natural", afirmou.

No tocante a outras obras desexadas, o Alcalde informou que xa foi asinado o contrato para a obra de alumeado da Nacional-VI desde o polígono do Ceao ata a Tolda por un valor de 900.000 euros. Unha UTE formada por dúas empresas lucenses foi a adxudicataria da obra, que ten un periodo de execución de 9 meses. "Imos gañar todos, fundamentalmente en seguridade vial", afirmou o Alcalde.

Por último, o Alcalde amosou a súa satisfacción porque o Ministerio de Fomento acaba de contratar o último treito que quedaba da autovía entre Lugo e a capital das Burgas. Trátase do treito que da acceso á cidade de Ourense.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova