Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello realizará un proxecto para a restruturación do polígono do Ceao


# Mércores, 28/03/2007
O equipo de goberno e os empresarios chegaron a un acordo para levar adiante unha serie de melloras necesarias

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, comprometeuse cos empresarios do Ceao á redacción dun proxecto para a reforma e restructuración do polígono en diferentes ámbitos e coa intención de solventar os problemas actuais.

O representante dos empresarios, Ángel López Lugilde, como presidente da Asociación, e o Alcalde, xunto a outros concelleiros, mantiveron durante o día de onte unha nova reunión na que puxeron sobre a mesa os problemas destes empresarios así como as solucións que ofrece o Concello.

A creación dun plan de traballo a catro ou cinco anos vese como a mellor solución para poder atallar as deficiencias actuais dun polígono que leva feito xa 30 anos.

“Para levar adiante este Plan é necesario o financiamento da Consellería de Industria”, dixo o Alcalde, que tamén engadiu que se puxo en contacto co Concelleiro para solicitar a realización dun convenio de colaboración entre as dúas entidades para levar este plan adiante sabendo de antemán que orzamento aportará o Concello de forma anual.

O Alcalde fixo referencia ás melloras realizadas nos últimos anos por parte do Concello e a subvención ocasional da Consellería de Industria, entre as que citó como máis importante as rotondas, o alumeado (que xa está practicamente concluido), o asfaltado de novas rúas, o cambio na servizo de recollida de residuos, o aumento das liñas de transporte, etc...

Sobre este último particular, o Alcalde indicou que se creará un novo plan de transporte para dar un mellor servizo aos usuarios do transporte urbano no Ceao.

A través do Proxecto Parque, tamén se crearán novas indicacións e sinalizacións das empresas asentadas no polígono utilizando as novas tecnoloxías e aportando todo tipo de información sobre as mesmas.

En canto ao problema da vixiancia, estarase a preparar o prego coas condicións para o contrato da video vixiancia en todo o polígono.

O Alcalde manifestou tamén o compromiso adquirido de facer unha gardería pública no polígono. O Concello baralla dúas opcións, por unha parte ampliar o edificio que acolle as oficinas da Asociación, ou construír unha nova nun terreo existente á entrada do polígono.

Ademais, mellorarase tamén o sistema de recollida diaria do lixo coa incorporación de contedores para a selectiva e a busca dun convenio de colaboración para a limpeza e reciclaxe dos restos industriais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova