Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello pide á UNESCO un ditame definitivo sobre a construción do auditorio en San Fernando


# Martes, 27/03/2007
O Goberno Central recibiu a petición do Alcalde de Lugo e será o encargado de tramitala ó Centro de Patrimonio Mundial

O Concello de Lugo pide á UNESCO un ditame definitivo sobre a construción do auditorio en San Fernando, tal e como defende o equipo de goberno. O Alcalde, José López Orozco, remitiu hai días ó Goberno central -responsable da garda e custodia do Patrimonio da Humanidade- o informe de ICOMOS e hoxe enviaralles o proxecto do auditorio, tal e como solicitou o Estado. Para López Orozco o informe final da UNESCO será vinculante e definitivo.

"Se a UNESCO afirma que o Ben declarado Patrimonio da Humanidade non está afectado, creo que teremos todas as portas abertas para adxudicar o auditorio e que ningún informe fará temblar o proxecto", afirmou o Alcalde.

O 6 de marzo, "unha vez que recibimos o informe de forma oficiosa e non por ICOMOS", o Alcalde remitiuno á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, xa que "o responsable da garda e custodia do Patrimonio da Humanidade é o Estado", explicou.

Onte tivo resposta do Goberno Central. Pedíronlle unha copia do proxecto "para su estudio y posterior remisión al Centro de Patrimonio Mundial", como explica na carta de resposta o Subdirector Xeral de Protección do Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura. Hoxe mesmo esa copia foi enviada polo Concello para axilizar os prazos.

O Alcalde tentará que "no menor tempo posible teñamos un informe definitivo da UNESCO". A intención do equipo de goberno é construír o auditorio en San Fernando sempre e cando non afecte á Declaración da Muralla e poda acoller espectáculos de primeira categoría.

Concello e IMSERSO pagan Entrecarrís
O Alcalde de Lugo comentou "sorprendido" o enfado de Antón Losada sobre a suposta falta protocolaria cometida polo Concello por non invitar a Vicepresidencia á visita das obras do centro social de Entrecarrís.

"Primeiro estou sorprendido de que teñan unha persoa encargada para revistar unha posible falta de protocolo do Concello de Lugo, co que hai que facer en política", dixo con ironía o Alcalde.

A continuación, o Alcalde puntualizou que, ata o momento, quen puxo diñeiro para estas obras foi o Concello e o IMSERSO con 300.000 euros a través da Xunta: "Onte quen faltou na primeira pedra foi o Director Xeral do IMSERSO. Quen deu ese diñeiro foi o Plan Concertado que paga o Goberno de Madrid a través da Xunta de Galicia. Eses 300.000 euros son do IMSERSO pero aínda así sigo confiando que este acto protocolario non enturbie as relacións (coa Vicepresidencia), que se cumpra con Lugo e se lle dea o diñeiro que teñen comprometido", afirmou.

"O día de inauguración, en amor e compañía, todos inauguraremos o centro. Polo de agora, o esforzo o estamos facendo o conxunto dos lucenses", dixo o Alcalde dunha obra na que o Concello pon máis de 2.000.000 euros. O Concello de Lugo invitou onte ós voceiros de todos os grupos políticos á inauguración das obras pero o representante nacionalista declinou asistir. Acudiron do Partido Socialista e do Partido Popular.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova