Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde reunirase cos veciños de San Lázaro e co Ministerio de Fomento sobre a nova ponte


# Martes, 27/02/2007
López Orozco está a buscar a solución máis beneficiosa para todos os veciños da cidade

Despois dunha reunión informativa de preto de catro horas celebrada este luns cos veciños de Aceña de Olga, o Alcalde de Lugo vai ter unha xuntanza cos de San Lázaro e, posteriormente, co Ministerio de Fomento sobre a construción da nova ponte. O obxectivo de López Orozco é informar e escoitar a todos os veciños para procurar o ben da maioría.

O Alcalde de Lugo anunciou esta mañá que terá nos próximos días unha reunión informativa cos veciños do barrio da Ponte para, despois, tratar a construción desta importante infraestrutura da cidade co Ministerio de Fomento. Orozco valorou moi positivamente a primeira xuntanza cos veciños de Aceña de Olga e afirmou que volverá ter máis reunións con eles.

O mandatario municipal subraiou o seu interese por buscar o ben da maioría a pesar de que "é moi duro defender o ben común poñendo en trance unha zona verde". Como demostraron os estudos técnicos, unha das opcións do Ministerio de Fomento afectaría ó 19,4% da superficie total do Parque Marcos Cela, non afectaría ó parque infantil existente e precisaría dun pequeno recheo nunha zona que era de escombro de obra e non ten árbores centenarias. "Espero que técnicos do Concello colaboren para buscar a mellor solución", afirmou Orozco.

Aínda así, o Alcalde recalcou que o obxectivo "é ser conservacionistas" en todo o posible e que no proxecto construtivo -que virá máis adiante- procurarase no posible este fin.

López Orozco afirmou que na reunión quedou claro que o Concello non ten ningún interese urbanístico nin inmobiliario coa construción da ponte e a parcela propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo en Aceña de Olga. Como comprobaron con papeles oficiais os propios veciños e así o recoñeceron, "este grupo político estivo sempre do seu lado na oposición e agora no goberno con respecto á finalidade desta parcela", dixo.

Reunión en Aceña
Arredor de 250 veciños do barrio de Aceña de Olga, numerosos membros de ADEGA e membros da plataforma das costas do Parque acudiron á xuntanza informativa que organizou o Concello este luns no Salón de Actos do Centro Social de Fingoi. O Alcalde xunto co concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Enxeñeiro Municipal de Medio Ambiente que ademais foi Director do proxecto do parque Marcos Cela proporcionaron información detallada sobre as distintas propostas feitas polo Ministerio de Fomento, para a construción da nova ponte sobre o río Miño.

Proxectáronse planos que recollían as diferentes alternativas analizadas por Fomento e explicáronse os informes técnicos que as sustentan. Na xuntanza escoitáronse ademais as diferentes opinións dos veciños da zona e doutras partes da cidade, e proporcionouselles toda a documentación dispoñible sobre os proxectos.

Foi unha xuntanza que deixa claro o enorme interés que esperta a construción desta importante infraestrutura.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova