Imprimir

O CONCELLO INFORMARÁ O LUNS AOS LUCENSES SOBRE A NOVA PONTE


23/2/2007 Esta primeira reunión será no Centro Social de Fingoi ás oito da tarde

O Centro Social de Fingoi acolle o luns unha reunión organizada polo Concello de Lugo para informar aos veciños de Acea de Olga sobre o proxecto de construcción da nova ponte sobre o río Miño.

Esta reunión organízase coa intención de ofrecer toda a información dispoñible e aclarar dúbidas antes de que comece o período de información pública establecido por lei.

Actualmente está elaborado o estudo informativo, que se está a examinar por diversas entidades. No estudo medioambiental realizado polo Concello non se atopa causa de impacto que impida a realización deste proxecto, considerado de vital importancia e situado no posto número dez dos proxectos motores necesarios para Lugo dentro do Plan Estratéxico.

Esta reunión informativa terá lugar ás oito da tarde no salón de actos do Centro Social de Fingoi. A reunión é aberta para todas as veciñas e veciños de Lugo pero está máis directamente organizada para os residentes no barrio de Acea de Olga, o máis vinculado con esta nova infraestrutura da cidade, que construirá o Ministerio de Fomento.

O Concello invitará persoalmente e a través de buzoneo, tal e como se fixo en outras ocasións, a todos os veciños do barrio a asistir a esta xuntanza para solventar as dúbidas que poidan xurdir, que serán contestadas polo Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro. Estarán acompañados por técnicos e avalados polo estudo informativo xa realizado.