Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello conclúe que é innecesaria a declaración de impacto medioambiental para construir a nova ponte


# Mércores, 21/02/2007
Isto axilizaría a súa construción e permitiría pasar á adxudicación da obra

O proxecto da ponte non afectará a ningunha casa.

O Concello de Lugo rematou o seu informe sobre a construción da nova ponte sobre o río Miño concluíndo que non é necesaria unha declaración de impacto medioambiental, o que permitiría ó Goberno Central axilizar notablemente a súa construción. A decisión foi dada a coñecer hoxe polo Voceiro do equipo de goberno, José Ramón Gómez Besteiro.

No informe redactado polos técnicos da Concellería de Medio Ambiente confírmase que “o estudo informativo do Ministerio de Fomento é moi completo –supera as mil páxinas e ofrece todo tipo de detalles-, polo que non é necesaria a declaración de impacto medioambiental”, explicou Besteiro. O Concello enviará este informe ó goberno central e insta ás outras administracións consultadas a presentar os seus informes respectivos canto antes para axilizar os prazos: “Se gañamos a declaración de impacto medioambiental, pasariamos directamente á adxudicación da ponte”.

O Ministerio de Fomento presentou 3 alternativas globais para a ponte pero a máis interesante é a 2ª. “Será unha ponte emblemática e moi respectuosa co río Miño”, dixo o Voceiro ó tempo que recalcou que “este proxecto non afecta a ningunha casa. Esas son as recomendacións que nós faremos ó Ministerio de Fomento”.

Para o equipo de goberno “esa ponte é necesaria, importante e ten que cubrir diferentes aspectos: ser respectuosa co río Miño, conectar as dúas partes da cidade e non ter ningunha finalidade especulativa. Noutras épocas, cando se falaba de facer a nova ponte, falábase de especular ó outro lado do río Miño. Con esta opción péchase definitivamente calquera operación inmobiliaria ó outro lado do río”, afirmou Besteiro.

O Voceiro do equipo de goberno avanzou que a nova ponte cubrirá as necesidades do tráfico, a antiga ponte terá un importante papel histórico-cultural e vinculado ó Camiño de Santiago e ás Termas Romanas, mentres que a pasarela peonil de San Lázaro facilitará o acceso ás zonas verdes fluviais.

Anti-ponte

Sobre as manobras políticas que pretenden amedrentar ós veciños coa nova ponte, Besteiro afirma que “o que non deben facer os que están en contra da ponte e que politicamente tiveron que dicir que SÍ a ela -á marxe de dicirlle NON ó CETAL, ó MIHL e ó Auditorio-, é utilizar terceiras persoas para facer unha plataforma anti-ponte”.

Fronte ás falsedades que algúns intentan difundir, Besteiro dixo que “era previsible que aparecese unha plataforma anti-ponte”, sen embargo para o Concello de Lugo é unha infraestrutura indiscutible e de primeira necesidade.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova