Imprimir

O ALCALDE RECIBE AO LÍDER DO PROCESO DE DEMOCRATIZACIÓN DE RUMANÍA, PETRE ROMAN


16/2/2007 O ex Primeiro Ministro visita Lugo acompañado polo Presidente da Real Academia de Ciencias Económicas e Financieras e por outros académicos

O Alcalde, José López Orozco, recibe este sábado, ás 12:30 na Casa Consistorial, a un grupo de representantes da Real Academia de Ciencias Económicas e Financieras. Esta comitiva está integrada por importantes personalidades do mundo da política e das finanzas e visitan a cidade dentro dunha viaxe por Galicia organizada polos académicos galegos.

O grupo de visitantes está encabezado polo Presidente da Real Academia de Ciencias Económicas e Financieras, Jaime Gil Aluja, que tras corenta e cinco anos de experiencia é o catedrático de Economía Financiera máis antiguo das universidades españolas. Este economista ocupa o cargo da presidencia dende o ano 2002, ademais de ser membro de prestixiosas institucións económicas en países como Rumanía, Francia ou Rusia.

Os membros da academia española estarán acompañados por colegas rumanos convidados por motivo do recente ingreso de Todorel Postolache, Embaixador de Rumanía en Luxemburgo, na Real Academia de Ciencias Económicas e Financieras de España. Entre o grupo de rumanos destaca a presenza de Petre Roman, o político que liderou o movemento de democratización contra a ditadura de Nicolae Ceaucescu e que foi Primeiro Ministro de Rumanía entre 1989 e 1991. Petre Roman está vinculado a España a través da historia dos seus pais, que se coñeceron durante a Guerra Civil cando o seu proxenitor loitaba no bando republicano contra o levantamento fascista.

Pechan a comitiva rumana Dan Aulica, embaixador de Rumanía na UNESCO e Vicepresidente do Consello Executivo desta organización internacional, e Mugur Isârescu, actual gobernador do Banco Nacional de Rumanía e ex Primer Ministro entre os anos 1999 e 2000.