A XXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico, presidida polo Alcalde de Lugo, aproba a Declaración de Gaia
# Luns, 12/02/2007
A organización dispón para este ano dun orzamento de 1.768.794 euros
Aprobado un novo regulamento xurídico coa transformación do Eixo Atlántico en Agrupación Europea de Cooperación Territorial
O Dr Fernando Gómes e D. Julio Fernández Gayoso galardonados coas Medallas Eixo AtlánticoO Eixo Atlántico celebrou o pasado venres a súa XXIII Asamblea Xeral en Vila Nova de Gaia, na que participaron representantes das 18 cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O Alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, presidiu esta reunión asamblearia na que estiveron presentes, entre outros, a Conselleira de Ordenación Territorial, Mª Xosé Caride, a Secretaria de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino, o Secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras, o Director Xeral de Urbanismo da Xunta, Ramón S. Lueje e o Director Xeral de Planificación Económica e de Fondos Comunitarios da Xunta de Galicia, Aureliano García González-Llanos.
Esta asamblea centrouse na
aprobación de tres puntos fundamentais:
A Declaración de Gaia, que é un documento que conten unha serie de propostas aos gobernos de ambos países para acelerar o desenvolvemento na Eurorrexión.
O novo regulamento xurídico do Eixo Atlántico coa reconversión en Agrupación Europea de Cooperación Territorial converténdose, deste xeito, nunha das primeiras AECT da Península Ibérica.
O orzamento da organización para ao ano 2007 que ascende a un total de 1.768.794 euros, dos que 86% corresponden a convenios e programas europeos.
A Declaración de Gaia
Este documento asinado por unanimidade por todos os representantes do Eixo Atlántico recolle unha escolma de principios de actuación. O ano 2007 marca unha pauta de inflexión, coincidindo cunha nova Europa ampliada, onde os eixes de centralidade desprazáronse para o este. O lanzamento dun novo período de programación das políticas europeas e dos fondos que as viabilizan, é unha ocasión que hai que aproveitar e sentar as bases da competitividade.
A declaración establece dúas liñas de actuación prioritarias, que son o garantir o remate das infraestructuras pendentes, contempladas na nosa proposta do ano 2000, e sentar as bases da innovación e a modernización, con especial atención ó desenvolvemento sostible, o transporte e as TIC, nunha sociedade do coñecemento.
Outra das propostas máis importantes é o establecemento dun traballo conxunto dos respectivos gobernos, no marco dunha nova estratexia de gobernanza común.
Neste contexto plantéxanse catro propostas aos gobernos, e nas que os membros do Eixo atlántico se comprometen formalmente o seu apoio:
A finalización das infraestruturas de comunicación pendentes.
O establecemento dun compromiso temporal para a execución do TGV do Eixo Atlántico así como a creación dunha comisión mixta de seguimento que verifique o cumprimento do devandito prazo.
A creación dun consorcio transfronteirizo de transportes que promova estrategias de coordinación dos tres sistemas necesarios para o desenvolvemento: Sistema Portuario, Sistema Aeroportuario e Sistema Ferroviario interior.
A aplicación da Axenda Estratéxica que esta Asemblea Xeral aprobou mediante a coordinación dos PDRs así como do Obxectivo Cooperación, nunha estratexia concertada de desenvolvemento.
Esta Declaración sinala a necesidade de que as administracións implicadas sexan capaces de entenderse con xenerosidade e intelixencia para acadar os proxectos. A declaración recolle a idea de que "As cidades e o conxunto das comunidades que integran o Eixo Atlántico temos confianza e capacidade suficiente para acadar tódolos obxectivos propostos".
Medallas do Eixo Atlántico
A XXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico foi clausurada co acto de entrega das Medallas Eixo Atlántico ao Dr. Fernando Gómes, pola súa contribución no desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e promover a creación do Eixo Atlántico, e a D. Julio Fernández Gayoso pola súa contribución no desenvolvemento económico, cultural e social tanto no norte de Portugal como en Galicia.
Compartir: