Imprimir

O ALCALDE E A CONSELLEIRA DE VIVENDA CONFIRMAN QUE O POLÍGONO INDUSTRIAL DAS GÁNDARAS COMEZARÁ EN XULLO


8/2/2007 Orozco garantiza na reunión coa Conselleira que os terreos de Defensa pasarán ó Concello nun mes

O Alcalde de Lugo e a Conselleira de Vivenda anunciaron hoxe, despois da reunión mantida en Santiago, que o Consello da Xunta aprobará o vindeiro xoves o plan sectorial para construír o Polígono Industrial das Gándaras, que contará con 2,2 millóns de metros cadrados.

López Orozco reuniuse con Teresa Táboas para “ultimar todos os detalles deste parque que permitirá a Lugo ter solo industrial de distintas cualificacións industriais, nun lugar estratéxico da cidade, ó lado do outro parque industrial e da nova estación de mercadorías”, dixo o Alcalde. Pola súa banda, a Conselleira explicou que "en xullo estará xa licitado o movemento de terras e as máquinas traballando alí".

O Alcalde de Lugo recibiu unha proposta de permuta “que será analizada polos técnicos municipais, así como o convenio e as condicións de posta no mercado” coa fin de poñelo en marcha coa maior rapidez. Táboas definiuno como "o mellor polígono industrial que neste momento está pensado en Galicia", con 100.000 metros cadrados de zona verde.

A intención da Xunta é que a mediados de ano, coincidindo co inicio do movemento de terras, "se abra o prazo previo de solicitudes para coñecer a demanda real e axustar en dimensións as parcelas". Neste senso, o Concello de Lugo adiantou o traballo: “Nós fixemos un estudo a través da web de EVISLUSA para coñecer as necesidades dos empresarios. Atopamos desde empresas interesadas con 30.000 metros cadrados ata 3.000 ou 4.000”, dixo o Alcalde.

O mandatario municipal confirmou que o futuro parque permitirá ubicar na capital calquer tipo de empresa, sexa cal sexa a súa dimensión “porque o propio parque empresarial permite a agregación de parcelas. Ogallá que veñan as grandes empresas a instalarse aquí”.

López Orozco subraiou que “hoxe é un día grande para Lugo pero máis grande vai ser cando haxa empresas instaladas alí, cando os empresarios de Lugo, os de fóra e os emprendedores... estean alí traballando. Nós queremos que a xente nova quede en Lugo”, explicou.

Terreos

“Nunca imos poñer dificultades para que a Xunta comece o máis rapidamente posible as obras, que é o realmente importante”, afirmou Orozco, mentres que a Conselleira explicou que "as primeiras naves" poderían construirse "a finais do 2008 ou principios do 2009".

Neste senso, o Alcalde garantizou que "nun mes" os terreos do parque, propiedade do Ministerio de Defensa, "pasarán ó Concello" e sinalou que "houbo un retraso pola demora en facer a modificación do plan xeral, que está publicada o 4 de xaneiro".

López Orozco tamén asegurou que "non haberá problemas" na oferta plantexada pola Xunta para a permuta. Para o Alcalde chegar a un entendemento “non será o problema. O beneficio que vai significar para Lugo devolverá multiplicado ese diñeiro", afirmou.