Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Presidente da Xunta salienta que o Goberno Galego investirá 207 millóns de euros na provincia de Lugo en 2007


# Venres, 26/01/2007
Esta cifra supón case cuadriplicar o investimento realizado na provincia polo anterior Goberno da Xunta, 58 millóns de euros no ano 2004

Pérez Touriño anuncia que "en breve" serán adxudicadas as obras do Auditorio de Lugo

Salienta que se "desbloqueou" a cesión dos terreos por parte do Ministerio de Defensa para a creación de solo industrial no parque empresarial de As Gándaras, que suporá "un salto histórico" para a actividade económica" da cidade


Avanza que espera estar en de novo en Lugo "en breve período de tempo", xunto á ministra de Agricultura para "marcar o inicio real da posta en marcha do Cetal"

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou hoxe o compromiso do Goberno que preside coa provincia de Lugo, un compromiso que se pon de manifesto nos orzamentos que destinará o Executivo autonómico á provincia no presente exercicio. Segundo sinalou Pérez Touriño, os orzamentos da Xunta para 2007 recollen uns investimentos na provincia de Lugo de 207,65 millóns de euros. Esta cifra, segundo explicou, case cuadriplica o investimento realizado polo anterior Executivo autonómico, que en 2004 tan só destinou 58 millóns de euros á provincia luguesa.

Isto "é unha realidade que se merece Lugo e os seus cidadáns", reiterou o máximo mandatario galego, salientando o compromiso da Xunta coa cidade e a provincia. Na mesma liña incidiu en que estes investimentos lle permitirán a Lugo seguir medrando, a pesar de que, sinalou, xa está "despegando e avanzando no camiño correcto".

Próxima adxudicación do Auditorio de Lugo
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación logo de manter un xantar de traballo con empresarios lugueses, Pérez Touriño tamén anunciou que, o auditorio de Lugo "está a poucos días de ser adxudicado". O mandatario galego salientou, deste xeito, o "compromiso pleno e total" da Xunta con esta infraestrutura, na que se investirán máis de 13 millóns de euros. "Poremos todos os recursos para que Lugo poida ter esta infraestrutura que ata o de agora non tivo" e "en breves días estarán adxudicadas as obras para o seu inicio". "Imos adxudicalo e realizalo no tempo máis breve de tempo posible", asegurou, porque "é de xustiza".

Xunto a isto, o xefe do Executivo autonómico tamén se referiu a que se veñen de desbloquear a cesión dos terreos por parte do Ministerio de Defensa para a creación de solo industrial no parque empresarial de As Gándaras. Logo do cal a Xunta procederá "de xeito inmediato" á expropiación dos terreos privados e á licitación das obras de movemento de terras e urbanización da primeira fase. Trátase, en palabras de Pérez Touriño, dunha actuación que permitirá dar "un salto histórico" na disposición de solo para o desenvolvemento da actividade económica de Lugo.

O Cetal, unha realidade
O presidente da Xunta avanzou, ademais, que espera estar de novo en Lugo "nun breve período de tempo" para, xunto coa ministra de Agricultura "marcar o inicio real da posta en marcha do Centro Tecnolóxico Agroalimentario, Cetal".

Así mesmo, tamén se referiu a importantes actuacións en marcha en materia de infraestruturas viarias e medioambientais na cidade e provincia luguesas. Neste sentido, lembrou iniciativas como a Ronda Este de Lugo, ou a adecuación da Rolda da Muralla, actuación esta última que pretende mellorar o movemento peonil, a mellora ambiental da rede de espazos públicos e a mellora de vías de comunicación e medio urbano.

Xunto a isto, salientou a rede de autovías que conectará Lugo con Ourense e Santiago, á vía de alta capacidade Nadela-Narria e, moi especialmente, a Autovía do Cantábrico que, segundo remarcou, "este ano estará toda ela en obras" no que se refire ao seu percorrido pola Comunidade galega.

Todas estas actuacións, que xa son "unha realidade" permitirán, en palabras do titular da Xunta, dar "un salto histórico" á cidade e á provincia.

Pérez Touriño tamén quixo remarcar investimentos que superan os 60 millóns de euros en materia medioambiental, destinados á EDAR de Lugo, aos colectores xerais do río Miño ou ao saneamento dos núcleos do rural.

Xantar con empresarios e visita a ASPNAIS
Na súa visita a Lugo, o presidente da Xunta mantivo un almorzo de traballo cos representantes empresariais da provincia, no que estivo acompañado polo alcalde da localidade, José López Orozco, e polo titular de Traballo do Goberno galego, Ricardo Varela. Durante o xantar, Pérez Touriño explicoulles aos representantes empresariais a boa marcha que está a experimentar a economía galega, que se ve reflectido no balance que deixa o ano 2006: a comunidade conseguiu medrar en termos de emprego, experimentou un crecemento da actividade económica e tamén un crecemento económico. Unha situación que Pérez Touriño se amosou confiado que seguirá sendo "sostible no tempo", posto que Galicia está a experimentar un dinamismo económico que non experimentaba desde hai anos.

O máximo mandatario galego rematou a súa visita institucional á cidade das murallas cunha visita ás instalacións da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, Aspnais.

Ambos os dous actos na cidade luguesa enmárcanse, segundo lembrou Pérez Touriño, no compromiso prioritario da Xunta co emprego e coa igualdade, posto que o obxectivo que persegue o Goberno galego é lograr un país "máis xusto, máis equilibrado e máis igual".


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova