Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O desdobramento da estrada Lugo-Monforte, unha das prioridades do Eixo Atlántico


# Xoves, 18/01/2007
O Alcalde solicita a creación dun tecido empresarial forte en toda a zona

A conversión da estrada Lugo Monforte nunha vía de catro carrís é unha das catro recomendacións que presentará a Comisión de Infraestruturas do Eixo Atlántico á Asamblea Xeral, que se celebrará o próximo mes. Así o acordaron hoxe na reunión mantida en Lugo, un feito histórico, xa que é a primeira vez que estas xuntanzas teñen lugar fóra da súa sé, en Vigo, e que agora comezan o ciclo.

Durante a reunión, establecéronse outros tres puntos fundamentais para a cohesión desta zona formada por Galicia e o Norte de Portugal. Rematar a estrada de Braga, e tamén a que une Chaves coa autovía das Rías Baixas, así como manter a saída natural da zona por Ourense e Monforte foron os catro grandes acordos que se presentarán como inapelables e que formarán parte da posición política do Eixo.

Ademais, debatéronse outras necesidades fundamentais como a actualización do mapa de infraestruturas, o reforzamento do sistema portuario con conexións a través do AVE e a creación dunha rede de aeroportos que sexan complementarios e non compitan entre eles.

Recalcaron tamén que converxer con Europa para obter o financiamento necesario para estas accións é unha das prioridades. Serán sete en total, que se desenvolverán entre o 2007 e o 2013.

Os membros da comisión foron recibidos ás dúas da tarde polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, no Salón de Plenos. Alí deron conta do realizado durante a reunión de hoxe e estiveron de acordo en sinalar a necesidade de potenciar aos concellos do interior dentro do Eixo.

Pola súa banda, o Alcalde sinalou a importancia que teñen as infraestruturas, “máis como un medio que como un fin”. Dixo que o traballo máis importante do eixo é “conseguir que os nosos mozos se queden aquí, ofrecerlle emprego”. Pediu por tanto un esforzo importante para conseguir un tecido empresarial forte no que non importe se a empresa está en Portugal ou en España. López Orozco aprobou a decisión do Goberno Español de licitar o tramo da alta velocidade que una Medina con Ourense, para que o AVE chegue a Lugo o antes posible, e por tanto, a zona do Eixo.

O Alcalde rematou pedindo o traballo de todos “por manter un entramado de empresas fortes e nas que non existan fronteiras, porque na nosa unión estará a nosa forza”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova