Imprimir

TRABALLO INVESTIRÁ MÁIS DE 470.000 EUROS NA ESCOLA OBRADOIRO QUE REFORMARÁ UN COLEXIO EN LUGO E O MOBILIARIO DOS POLIDEPORTIVOS DE FRIGSA E A PIRINGALLA


23/11/2007 O proxecto está promovido polo Concello de Lugo

O delegado, Miguel Vázquez Calvo, e o alcalde, José López Orozco, asinaron hoxe as bases para a selección do persoal e dos alumnos

Lugo, 23 de novembro de 2007.- A Consellería de Traballo destinará 470.324,75 euros á escola obradoiro Escola solidaria, promovida polo Concello de Lugo e que actuará sobre unha antiga escola unitaria e os pavillóns polideportivos de Frigsa e A Piringalla.

O delegado, Miguel Vázquez Calvo, e o alcalde, José López Orozco, asinaron esta mañá o acordo polo que se constitúe o grupo mixto de traballo entre ambas institucións, así como as bases para a contratación do director, o persoal e os alumnos traballadores.

Neste proxecto participan 25 alumnos, 17 na especialidade de albanelería e 8 na de carpintería de madeira. Os alumnos deben ser maiores de 16 anos e menores de 25, e estar inscritos como desempregados na oficina de emprego de Lugo. Terán preferencia á hora de seren seleccionados os desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como as mulleres en xeral, os parados de longa duración, persoas con discapacidade, ou os pertencentes a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

As mulleres vítimas da violencia doméstica que o soliciten –e cumpran os requisitos xerais- incorporaranse directamente ao proxecto, con prioridade absoluta.

A formación correrá a cargo de dous mestres de albanelería e un mestre de carpintería. Completan o cadro de persoal o director e un administrativo.

O obradoiro rehabilitará a antiga escola unitaria de San Pedro de Mera e renovará o mobiliario de madeira dos polideportivos municipais de Frigsa e A Piringalla. Botará a andar a finais do presente ano e rematará en xuño de 2009.

Durante os primeiros seis meses os alumnos-traballadores recibirán formación profesional ocupacional. Na segunda etapa formativa –que dura un ano- alternan a teoría co traballo e a práctica profesional, sendo contratados pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e percibindo o salario correspondente.

A escola obradoiro impartirá formación complementaria de alfabetización informática, sensibilización ambiental e sensibilización en igualdade de xénero, así como en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar.