Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza unha conferencia sobre as sucesións en Galicia


# Mércores, 28/11/2007
A charla, encadrada nas actividades da OMIC, terá lugar este xoves ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra

O Concello de Lugo organiza unha nova conferencia sobre consumo dentro do programa de actividades deseñado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor para os meses de novembro e decembro deste ano.

Estas actividades organízanse dacordo coa política do Concello de fomentar o consumo responsable entre os lucenses e de actualizar os seus coñecementos nesta materia achegándolles as últimas novas e reformas en normativas relacionadas co ámbito do consumidor.

Todos os xoves de novembro e decembro expertos profesionais estanse a impartir charlas para empresarios, cidadás e nenos sobre distintos temas de gran interese para o consumidor. As conferencias agrúpanse en tres campos segundo os seus destinatarios: consumidores, empresarios e nenos.

Precisamente este xoves, 29 de novembro a conferencia titulada “As sucesións en Galicia” pecha o ciclo destinado aos consumidores en xeral. O notario José Manuel López Cedrón será o responsable de achegar aos lucenses as modificacións que introduce a nova normativa en materia de sucesións. A charla terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra. Esta actividade é gratuíta e ao seu fin entregarase un obsequio a cada asistente.

Para os consumidores xa se impartiron tres charlas relacionadas coa telefonía, coas compras do Nadal e coa enerxía eléctrica, que son temas nos que os cidadás teñen moitas dúbidas e que acumulan gran cantidade de reclamacións como é o caso da telefonía móbil.

O programa continuará coas charlas para os empresarios. O Concello de Lugo programa unha conferencia sobre a Lei de Garantía de Bens de Consumo e unha mesa redonda sobre a Arbitraxe de Consumo. A primeira destas actividades terá lugar o xoves 13 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel e será impartida polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo.

A mesa redonda sobre Arbitraxe de Consumo contará coa participación de representantes do Instituto Galego de Consumo, de Comercio e de Asociacións de Consumidores. Terá lugar o 20 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel.

Para os nenos de entre 6 e 10 anos de idade o Concello ofrecerá unha serie de obradoiros impartidos por Ciencia Divertida co fin de educalos en hábitos de consumo responsable. Luisa Zarzuela sinalou a importancia desta iniciativa xa que eles serán os consumidores do futuro.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova