Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e RNE organizan o I Encontro de Poesía Galega pioneiro en Galicia e en España


# Mércores, 28/11/2007
Arrinca este xoves, 29 de novembro, coa presencia de 9 prestixiosos poetas

O I Encontro de Poetas Galegos que organizan o Concello de Lugo e RNE é un feito pioneiro en Galicia e en España e arrinca en Lugo este xoves, 29 de novembro, ás 12:00 horas, coa inauguración por parte de José López Orozco no Salón de Actos da Deputación Provincial.

Nesta xornada de apertura celebraranse as dúas primeiras sesións que durarán arredor de dúas horas e contarán coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán. O sector editorial estará representado polos editores Manuel Bragado de Edicións Xerais e Carlos Lema de Editorial Galaxia.

* A Primeira sesión, comezará ás 12:00 horas e contará coa participación dos poetas Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza e Claudio Rodríguez Fer.

* A Segunda sesión, terá lugar a partir das 19:00 horas e reunirá aos poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane

O Encontro, pioneiro en España, servirá de exemplo para outras comunidades con lingua propia e reunirá a expertos das letras galegas no que será o primeiro encontro literario destas características que ten lugar en Galicia.

O Alcalde de Lugo foi o promotor desta iniciativa que contou coa boa acollida e respaldo da entidade pública Radio Nacional de España que organiza o evento e que emitirá en directo todo o encontro a través do seu programa nacional La Estación Azul.

Para levar a cabo este ambicioso proxecto, tamén colabora o Ministerio de Cultura a través da súa Dirección Xeral do Libro, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.



Poetas da primeira sesión
YOLANDA CASTAÑO: Naceu en Santiago de Compostela no ano 1977. Trasladouse en 1990 á Coruña, onde rematou a carreira de Filoloxía Hispánica e cursou estudos audiovisuais. Alí vive na actualidade.

Como poeta deuse a coñecer, na adolescencia, a través dunha serie de premios de poesía menores ata que, grazas ó Premio Fermín Bouza Brey 1994, publicou o seu primeiro libro, Elevar as pálpebras (1995), contando só 17 anos.

Seguíulle Delicia (1998), e máis tarde Vivimos no ciclo das Erofanías (1998), que recibiu o Premio da Crítica Española 1998.

A súa última publicación, O libro da egoísta (2003), que xa vai pola 2ª edición, estivo de número un en ventas de libro galego durante varias semanas, colleitando ademáis moi boas críticas.

Como poeta, e tamén como crítica literaria, ten colaborado en numerosas revistas e publicacións periódicas.

Algunhas das súa obras foron traducidas ó castelán, catalán, inglés, francés, alemán, ruso e árabe.

MARÍA DO CEBREIRO: naceu en Santiago no ano 1976.
É Filla dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes e irmá do pianista Abe Rábade, é unha das poetas galegas máis recoñecidas da actualidade.

Licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1998. No 2002 acada o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, extraída da sua tese de doutoramento Aproximación teórica ó fenómeno antolóxico desde a perspectiva do espacio (2004), na que ensaia unha teoría das antoloxías poéticas no contexto literario peninsular, e máis especificamente nas sociedades galega e catalá contemporáneas.

En 1998 viu a luz o seu primeiro libro de poemas O estadio do espello. Seguírono (nós, as inadaptadas) (2002, accésit do XXI Premio Esquío de Poesía en Língua Galega), Non queres que o poema te coñeza (2004, galardoado co II Premio Caixanova 2003 de Poesía), O barrio das chinesas (2005) e Os hemisferios (2006).

No ano 2005 publica As terceiras mulleres, ensaio trazado ao redor da nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina e a creación artística feita por mulleres.

Obra poética
• O estadio do espello (Xerais, 1998)
• (nós, as inadaptadas) (accésit do XXI Premio Esquío de poesía en lingua galega; Sociedade de cultura Valle-Inclán, 2002)
• Non queres que o poema te coñeza (gañador do II Premio Caixanova de Poesía 2003; P.E.N. Clube de Galicia 2004)
• O barrio das Chinesas (O Correo Galego, 2005)
• Os hemisferios (Galaxia, 2006)

SUSO PENSADO: Naceu en Arteixo en 1971. Recibiu o III premio Uxío Novoneyra de poesía, en 2004 polo seu libro A Tarde (Espiral Maior, 2005).

Como tradutor publicou Cantos de Giacomo Leopardi (Espiral Maior, 1998), O Barco Ebrio de Arthur Rimbaud (Revista Clave Orión, 2000), Serodio Amor de Emilio Coco (Espiral Maior, 2006) e Os Alimentos Terrestres de André Gide (próxima aparición en Laiovento, 2007). Traduciu ao francés a escolma de Xulio L. Valcárcel titulada Le Volume de l’Absence (Auliga-Espiral Maior, 2006) e o libro de poemas Le Feu Blanc de X.M. Álvarez Cáccamo (próxima aparición en Auliga-Espiral Maior, 2007).

• Le Volume de l?Absence, Xulio L. Valcárcel (tradutor ao francés)
• A Tarde
• Campo de Marte, de X.L. Valcárcel (tradutor ao español)
• Cantos, de Giacomo Leopardi (tradutor ao galego)
• El volumen de la ausencia, de X.L. Valcárcel (tradutor ao español)
• Le Feu Blanc, de X.M. Álvarez Cáccamo (tradutor ao francés)
• Les planches courbes, de Yves Bonnefoy (tradutor ao español)
• O Barco Ebrio, de Arthur Rimbaud (tradutor ao galego)
• Os Alimentos Terrestres, de André Gide (tradutor ao galego)
• Serodio Amor, de Emilio Coco (tradutor)



LUZ POZO GARZA: Poetisa galega e membro da Real Academia Galega. Naceu en Ribadeo no ano 1922. Ós catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución á que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos).

De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996.

É unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral.

Obra
• A bordo de "Barco sin luces" (ou o mundo poético de Luís Pimentel).
• A semente aquecida da palabra.
• Álvaro Cunqueiro e "Herba aquí ou acolá".
• Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000.
• As arpas de Iwerddon.
• Códice calixtino.
• Concerto de outono.
• Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.
• Diálogos con Rosalía.
• Galicia ferida: a visión de Luis Seoane.
• Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003.
• I Festival de Poesía no Condado.
• Medea en Corinto.
• Memoria solar.
• Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra.
• O paxaro na boca.
• Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo.
• Poemas pola memoria (1936-2006).
• Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I).
• Prometo a flor de loto.
• Ribadeo, Ribadeo.
• Últimas palabras / Verbas derradeiras.
• Vida secreta de Rosalía.

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER: Naceu en Lugo no 1956. Foi catedrático de ensinanza media en Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela, onde actualmente é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética e da revista de investigación Moenia.

Coordina con Carmen Blanco Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en dúcias de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas.

Entre outros recoñecementos, no campo da poesía, recibiu o Premio Nacional da Crítica por Tigres de ternura; no campo da investigación, por dúas veces o Premio Losada Diéguez, concretamente por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil, e, no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento.

Foi traducido a numerosos idiomas e foi obxecto de tres libros: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1998), de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998) de Natalia Regueiro.

Poesía
• Poemas de amor sen morte (1979)
• Tigres de ternura (1981)
• Cinepoemas (1983)
• Historia da lúa (1984)
• A boca violeta (1987)
• Lugo blues (1987)
• Vulva (1990)
• Cebra (1991)
• A muller núa (1992)
• Extrema Europa (1996)
• A unha muller descoñecida (1997)
• Rastros de vida e poesía (2000)
• Moito máis que mil anos (2000)
• A vida. Gravados sobre corpo (2002)
• A loita continúa (2004)

Narrativa
• Meta-relatos (1988)
• A muller loba (1993)
• Belas e bestas (2002)
• O muiñeiro misterioso (2005)
• A bela mestra (2005)

Estudo e ensaio
• A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981)
• Antonio Machado e Galicia (1989)
• Poesía galega (1989)
• Arte literaria (1991)
• José Ángel Valente (1992)
• Comentarios de textos contemporáneos (1992)
• Comentarios de textos populares e de masas (1994)
• A literatura galega durante a guerra civil (1994)
• Material Valente (1994)
• Acometida atlántica. Por un comparatismo integral (1996)
• Ánxel Fole. Vida e obra (1997)
• O mundo lucense de Ánxel Fole (1997)
• Ánxel Fole. Unha fotobiografía (1997)
• Guía de investigación literaria (1998)

Edición e introdución
• Contos de lobos, de Ánxel Fole (1985, 1989)
• Cántigas de alén, de José Ángel Valente (1987, 1989, 1996)
• Con pólvora e magnolias, de X. L. Méndez Ferrín (1989)
• Os eidos, de Uxío Novoneyra (1990)
• Guerra literaria, de Rafael Dieste (1991)
• Verbas de chumbo, de Castelao (1992)
• Poesía perdida, de Ricardo Carballo Calero (1993)
• Obras reunidas, de Angel Johán (1993)
• Cartafolio galego, de Ánxel Fole (1996)
• Obra galega completa, de Ánxel Fole (1997)
• A lenda do Grande Inquisidor, de Fiódor Dostoievski (1998)
• Cuaderno de versiones, de José Ángel Valente (2001)
• Cima del canto, de José Ángel Valente (2002)
• Obra literaria completa, de Ánxel Fole (2003)


Poetas da segunda sesión
XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO: Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia.

Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos, A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.

Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra.

Formou parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos "Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e "Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996).

Entre os anos 1984 e 2002 integrou a directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Entre as súas obras destacan: A escrita das aves de marzo, Arquitecturas de cinza , Calendario perpetuo , Casa dormida , Colección de espellos, De mañá que medo, Depósito natural (1995-2001) , Dinosaurio Belisario, Escolma, Fragmentos de mar, Galego Cero, Vida de Antón Avilés de Taramancos ou Vocabulario das orixes.

MANUEL TORNEIRO: Naceu na Coruña en 1932 e dende os 17 ou 18 anos, escribir poesía converteuse para el nunha necesidade. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta.

Os primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en Barcelona.

Ten publicados dous libros en castelán e nove en galego. O seu primeiro poemario é, Memoria dun silencio (1982).

Os antólogos sitúanno na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes.

Ten no seu haber algúns importantes galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999).

Hai na súa última producción un tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema. Torneiro cre no poder da palabra, nas potencias da beleza. Escribe contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, cre na utopía.

ARCADIO LÓPEZ CASANOVA: Nace en Lugo no 1942, e pasa a súa infancia (1942-1947) na casa da avoa paterna, nas terras luguesas de O Páramo, ámbito que acadará dimensión poética no seu libro Palabra de honor. Na súa cidade, estudia o bacharelato no Instituto de Ensino Medio (1952-1959), onde vai perfilando a súa afición literaria e obtén o seu primeiro premio.

Ós catorce anos colabora en El Progreso, e pouco despois publica o libriño Tío Mingos. Contos de Galicia, sendo asemade cofundador, con outros mozos lugueses (Marina Mayoral, Ramón Clemente, etc.), e baixo a dirección do prof. Luis Quintela Ferreiro, da revista Escritos.

Entre o 1959-1964 cursa a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, entrando en relación cos mestres do galeguismo (Otero Pedrayo, García-Sabell, R. Piñeiro), e cos escritores das últimas xeracións (Novoneyra, Franco Grande, Xohana Torres, García-Bodaño). Ó longo deses anos de formación, participa en amplas actividades de política cultural na Universidade, organizando o primeiro "Día das Letras Galegas"(1963) , a "Festa da Poesía", a "Homenaxe a Antonio Machado", o "Premio Castelao", e moi diversas actuacións promovidas dende a Asociación Cultural "O Galo".

Colabora asiduamente nas páxinas de La Noche e La Voz de Galicia, e no 1961 edita o seu primeiro libro de poemas, Hombre último. Gana varios anos o premio das Festas Minervais, e inicia unha actividade de conferenciante e de lecturas poéticas por toda España. Xa de volta na súa cidade natal, prosegue coa súa actividade de política cultural organizando e dirixindo o primeiro Curso de galego (1965), e unha memorable homenaxe a Luís Pimentel. No 1967 publica Palabra de honor, libro tamén retirado por orde gobernativa.

No eido creativo inicia o ciclo dos Mesteres, que adianta en varios Pliegos a amigos, publica a antoloxía Memoria dunha edá (1976) e, nese ano, saca a edición bilingüe —e primeira— de Mesteres. No 1978 obtén o Premio "Adonais" con La oscura potestad (1979), e defende a súa Tese de doutoramento sobre Estructuras correlativas en la poesía española contemporánea, calificada con Sobresaliente cum laude. No 1983 publica Liturxia do corpo, obra á que se lle concede o Premio da Crítica-Galicia á creación literaria. Catro anos despois (1986), obtén por oposición praza de Profesor Titular da Universitat de València, proseguindo o seu labor de investigación con estudios como Estructuras correlativas y función estilística (1989), Lenguaje de la poesía y figuras gramaticales (1990), La poesía romántica (1991), Miguel Hernández, pasión y elegía (1993) e El texto poético. Teoría y metodología (1994).

En relación coa literatura galega, edita a Antología poética de Rosalía de Castro (1985), Luís Pimentel e "Sombra do aire na herba" (1990), Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética (1994), e o Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. A Poesía (2001), así como estudios sobre Ramón Cabanillas (1976), Luís Seoane (1994), E. Blanco Amor (1993), Curros Enríquez (2001) e sobre "Fin de século e modernidade literaria" (1997) ou o "Modernismo en Galicia" (1999). A Real Academia Galega concédelle o Premio "Menéndez Pidal" de investigación por un traballo sobre a obra de E. Pondal.

No eido da creación poética, da última década son os seus libros Razón de iniquidad (1991, Premio Internacional "Ciudad de Melilla"), Noite do degaro (1994) e Asedio de sombra (1997, Premio "Tiflos").

CHUS PATO: María Xesús Pato Díaz naceu en Ourense no ano 1955.

A súa obra manifesta a característica transgresión posmoderna dos xéneros literarios, conformando unha escritura baseada na superación do concepto tradicional de 'poesía'.

Escrita en prosa, a súa poesía acolle non só distintos tipos textuais, dende o estrictamente biográfico ata o ensaísmo filosófico, senón tamén unha polifonía de voces.

Tematicamente, Chus Pato asume o compromiso da literatura coas reivindicacións ideolóxicas o seu eixo temáticos máis habitual. Neste senso, a importancia da linguaxe como sistema de creación simbólica na sociedade contemporánea ten un papel destacado na súa reflexión crítica.

Exerce ademais como profesora de Ensino Secundario (Xeografía e Historia) no IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín).

Os primeiros poemas de Chus Pato apareceron na revista Escrita (1984) e, dende entón, aparte de nos seus libros, nunca deixou de colaborar en múltiples publicacións.

Poemarios publicados
• Urania. Ourense: Calpurnia, 1991.
• Heloísa. A Coruña: Espiral Maior, 1994.
• Fascinio. Muros: Toxosoutos, 1995.
• A ponte das poldras. Santiago de Compostela: Noitarenga, 1996. 2ª ed., Vigo: Galaxia, 2006.
• Nínive. Vigo: Xerais, 1996 (Premio Losada Diéguez, 1997).
• m-Talá. Vigo: Xerais, 2000.
• Charenton. Vigo: Xerais, 2004.

ANA ROMANÍ: Poeta e periodista cultural nacida en 1962 en Noia. Actualmente dirixe o programa "Diario Cultural", de emisión diaria, na Radio Galega.

Entre as súas publicacións destaca:

• Palabra de Mar (1987, poesía)
• Das últimas mareas (1994, poesía)
• Arden (1998, poesía)
• Marmelada de amoras (1997, conto)
• Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003)

Coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003), promovido polo Diario Cultural.

Participou en distintos proxectos artísticos, entre os que se atopan O Son da Pedra de Milladoiro, Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once poetas galegas da Fundación Rosalía de Castro, Son Delas coordinado por Uxía Senlle, Estalactitas (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, Catro poetas suicidas.

A súa obra está recollida en diferentes antoloxías e libros colectivos.

XAVIER SEOANE: Naceu na Coruña en 1954, é un poeta galego. Estudou Filoloxía Románica en Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura en A Coruña no IES Monelos. Desde 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante.

En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro "Poesía experimental" (1978).

O seu primeiro poemario individual foi "Os bosques encendidos" (1981). Logo editaría "A caluga do paxaro" (1979), "Presencias" (1985), "Iniciación e regreso" (1985) co que recibiu o premio Cidade da Coruña en 1982, "O Canto da Terra" (1987), "Regreso e Advenimento" (1990), "Eu tamén oín as voces do orvallo" (1994), "Umbral de Vida" (1996), premio Esquío de poesía e "Don do horizonte" (1999), que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os volumes "A néboa invisíbel" e "Agra da Brea".

En colaboración con Manuel Rivas publicou o cartafol de poemas "Anisia e outras sombras" (1981). Colaborou nas antoloxías poéticas "De Amor e Desamor I" (1984) e "De Amor e Desamor II" (1985). Editou un libro de reflexións e aforismos titulado "Arca cotidiana / Irispaxaros" (1984).

O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados "As quatro estacións", sobre poemas de Seoane, e o libro de artista "Irispaxaros", sobre aforismos do autor.

En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, "Galicia Emigrante". Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Álvaro Cunqueiro, "A máxia da palavra" (1991), o volume "Luís Seoane e o cine" (1994), "Luís Seoane e o teatro" (1996) e "Luís Seoane: Textos sobre arte" (1997).

En 1990 saíu á luz o seu libro "Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega", e, en 1994, "Reto ou rendición", análise dos presupostos teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Recentemente publicou o ensaio "A voz dun tempo. Luis Seoane: o criador total" (1994). Con Antón Patiño publicou o manifesto "Hai suficiente infinito" (1999). Recentemente, saíu do prelo (2000) o ensaio, sobre o mundo do libro e da lectura, "Atravesar o espello" (Ed. Xerais), así como a novela "Ábrelle a porta ao mar" (Ed. Espiral Maior).

Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental na Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art.

Foi seleccionado en diversas antoloxías de poesía galega actual: "Escolma da poesía galega, 1976-1984" (Sotelo Blanco, 1984), "Desde a palabra, doce voces" (Sotelo Blanco, 1986), "Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria" (O Castro, 1988), "Poesía Gallega de Hoy" (Visor, 1990), "Fin de un milenio" (Libertarias, 1991), "50 anos de poesía galega" (Penta, 1994), "Poesía gallega actual" (Litoral, 1996), e "Antologia de poesia galega" (Universidade de Campinas, Brasil, 1996).


A Terceira e última Sesión será o venres ás 19.00 horas e reunirá a Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas

O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, que tamén participará na mesa de debate da Terceira Sesión, será o encargado de clausurar o evento.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova