Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Ministro de Cultura clausurará o I Encontro Galego de Poetas celebrado en Lugo


# Xoves, 29/11/2007
Coincide coa celebración do VII aniversario da declaración da Muralla Patrimonio da Humanidade

María Dolores Pradera ofrecerá un concerto conmemorativo desta emblemática data ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire

O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, xunto ao Alcalde de Lugo, José López Orozco, clausurará este venres, día 30 de novembro, o I Encontro Galego de Poetas nun acto que terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Actos da Deputación Provincial.

A terceira e última sesión deste encontro pioneiro celebrarase o venres ás 19.00 horas, coa participación de Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas.

O Alcalde de Lugo foi o promotor desta iniciativa que contou coa boa acollida e respaldo da entidade pública Radio Nacional de España que organiza o evento e que emitirá en directo todo o encontro a través do seu programa nacional La Estación Azul.

Para levar a cabo este ambicioso proxecto, tamén colabora o Ministerio de Cultura a través da súa Dirección Xeral do Libro, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.

Enmarcado no VII Aniversario da Muralla

Este mesmo día estará en Lugo a cantante María Dolores Pradera que dará un concerto no Auditorio Gustavo Freire a partir das 21:00 horas.

Esta gran dama da música e do teatro español conta con máis de 40 discos e aproximadamente 500 cancións. A súa suave voz e capacidade de cambio permiten atopar na súa discografía diversos rexistros: baladas, boleros, coplas, rancheras, fados, etc.

María Dolores Pradera é tamén unha gran dama do teatro. Protagonizou diferentes obras como: La Inés de D. Juan Tenorio, Soledad de Unamuno, El Rey se muere, El jardín de los cerezos o Cyrano de Bergerac. Obtivo premios tan importantes como o Premio Nacional de Teatro, a medalla de Bellas Artes, o premio Lara, a Medalla de Oro de Madrid ó Mérito Artístico ou a Medalla ó Mérito Cultural e Artístico da Universidad Complutense.

Poetas da terceira sesión

VICENTE ARAGUAS: Naceu en Xubia en 1950. Cantautor, crítico literario e escritor galego.

Foi un dos fundadores do grupo Voces Ceibes en 1968. Estudou en Santiago de Compostela filosofía e letras onde entrou en contacto con Xerardo Moscoso e Pedro Luaces, quen foi fundamental para que empezase a escribir en galego. En 1968 deu os seus primeiros recitais como cantautor, ó tempo que participou nas manifestacións universitarias que se realizaron nese ano en Compostela.

No curso 1972-1973 deu clases de español en Glasgow, e é aquí onde comezou a escribir os seus primeiros poemas que formarán Paisaxe de Glasgow. Desde setembro de 1974 reside en Madrid.

Obra
• Paisaxe de Glasgow, 1978 (poemario)
• Ás veces en domingo abonda coa tenrura, 1980 (poemario)
• Poemas pra Ana Andrea, 1982 (poemario)
• Xuvia, 1984 (poemario)
• Caleidoscopio, 1988 (poemario)
• Voces Ceibes, 1992 (ensaio)
• Oficio de ollar, 1992 (poemario)
• Campo santo, 1994 (poemario)
• O gato branco, 1995 (poemario)
• Billarda, 1999 (antoloxía de poesía galego-castelán)
• Río Matinal, 2000 (poemario)
• Agora xa foi, 2000 (novela)
• A canción do verán, 2001 (novela)


DARÍO XOHÁN CABANA: Escritor galego nacido en Roás (Terra Cha de Lugo) o 19 de abril de 1952. Unha das súas novelas máis coñecidas é Galván en Saor. Recibiu a Medalla de ouro do concello de Florencia (Italia) pola súa tradución da A Divina Comedia de Dante. Desde o 22 de abril de 2006 é académico da Real Academia Galega.

Obras
• A fraga amurallada
• Ábrelle a porta ó día
• Amor e tempo liso
• Antoloxía poética
• As aventuras de Breogán Filgueira (1990)
• As viaxes do principe azul (1992)
• Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992)
• Canta de cerca a morte (1994, Premio Martín Códax)
• Cantigas de amor vilao
• Cerco de ferro
• Chirlo merlo na figueira
• Chucho Cacho
• Cinco lendas
• Elexía nunha escuridade mortal
• Fortunato de Trasmundi (1990)
• Galván en Saor (1989, premio Xerais)
• Home e terra
• Inés e a cadela sabia
• O libro dos moradores (1990)
• Mitos e memorias
• Morte de rei
• Mortos por que Galicia viva
• Narradio. 56 historias no ar
• Noticias dunha aldea
• O avión de Cangas (1992)
• O castrón de ouro (1993, premio Barco de Vapor)
• O cervo na torre (1994, premio Xerais)
• O milagre das estrelas (1993)
• O quiquiriquí e outras narracións
• Os contos da campaña
• Patria do mar
• Recolleita
• Romanceiro da Terra Cha
• Verbas a un irmao
• Vidas senlleiras (1992)
• Vinte cadernos: Poemas 1969-2002
• VII Fragmentos (1986)
• Xuro que nunca volverei pasar fame: poesía escarlata

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO: Nacido en Cospeito en 1958. É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e AGAL.

Fundou Edicións Espiral Maior (1991) e foi un dos fundadores das revistas Cen augas e Agália. Deuse a coñecer ao ser premiado no VIIº Concurso Modesto R. Figueiredo co relato Anti-memória dun dia.

Obra
• Auto insólito do autor, 1985 (teatro)
• Livro das paisaxes vivas, 1985 (poemario)
• Conversas en Compostea con Carballo Calero, 1986 (con Pillado Mayor)
• Entre água e fogo (Cantos da terra posuída), 1987 (poemario)
• Cuarteto para unha noite de verao, 1988 (teatro)
• A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras, 1989 (con Pillado Mayor)
• A casa dos afogados, 1989 (teatro)
• Poemas da lenta nudez, 1994 (poemario)
• As certezas do clima, 1996 (poemario)
• Territorio de desaparición, 2004 (poemario)

RAMIRO FONTE: Naceu en Pontedeume en 1957). Foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo fondo (1977). Director do Instituto Cervantes de Lisboa.

Obra
• As cidades da nada, 1983 (poemario)
• Designium, 1984 (poemario)
• Pensar na tempestade, 1986 (poemario)
• Pasa un segredo, 1988 (poemario)
• Catro novelas sentimentais, 1988 (novela)
• As regras do xogo, 1990 (novela)
• Aves de paso, 1990 (novela)
• As lúas suburbanas, 1991 (poemario)
• Adeus norte, 1991 (poemario)
• Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria, 1992 (ensaio)
• Os leopardos da lúa, 1993 (novela)
• Soños eternos, 1994 (narrativa)
• Luz do mediodía, 1995 (poemario)
• O cazador de libros, 1997 (poemario)
• Mínima moralidade, 1998 (poemario)
• Capitán Inverno, 1999 (poemario)
• Os meus ollos, 2003 (narrativa)
• Os ollos da ponte, 2004 (narrativa)

SALVADOR GARCÍA BODAÑO: Naceu en Vigo en 1935. Poeta pertencente á Xeración das Festas Minervais e cofundador do grupo O Galo. Colaborou con diversas publicacións e é autor de varias traduccións ó galego. Os temas sobre os que xira a súa poesía son, como sinala Dolores Vilavedra, Galicia e a muller.

Entre os seus libros destacan Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (Premio da Crítica Española, 1978) e o libro de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (Premio da Crítica, 1993). Ingresou como membro numerario da Real Academia Galega en 1992. Ó longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos.

A breve obra de Garcia-Bodaño xira principalmente ó redor da conciencia cívica e das vivencias eróticas.

Sobrio de expresión pero latexante de emoción lírica, aparece afestado do socialrealismo e máis dado á expresión directa do sentimento patriótico. O libro Tempo de Compostela é unha espléndida visión lírica da cidade expresada en versos de gran poder evocador. O seu verso tende a ser libre, pero nalgunha das súas últimas parcas entregas cultiva con extraordinario acerto unha forma tan cerrada coma o soneto clásico. Poeta limpo e claro, Garcia-Bodaño é unha das grandes voces da súa xeración.

MANUEL RIVAS: Nacido o 26 de outubro de 1957 no coruñés barrio de Montealto. Estudou no IES Monelos. A totalidade da súa obra literaria desenvólveses en galego, aínda que tamén escribe artigos en castelán. O seu libro de contos ¿Qué me queres amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Nacional de Narrativa, inclúe o relato A lingua das bolboretas, no que se basou a película do mesmo título. A súa obra complétase cos libros de relatos Ela, maldita alma (1999), A man negra do emigrante (2001), e As chamadas perdidas (2002).

É autor de tres novelas curtas: Os comedores de patatas (1992), O lápiz do carpintero (1999), Premio da Crítica española, levada ó cine por Antón Reixa, e En salvaxe compañía (1994), que foi reeditada en 2004. As súas últimas obras son O héroe(2006), teatral, e Os libros arden mal (2006), una novela.

En canto á súa obra periodística, boa parte das súas mellores reportaxes están compiladas en O periodismo es un cuento (1998), usado como libro de texto en numerosas facultades de Ciencias da Información.

Os seus traballos poéticos están recollidos na antoloxía O pobo da noita, Do descoñecido ao descoñecido e Mohicania revisada.


LUIS GONZÁLEZ TOSAR: Fillo de emigrantes, naceu en Buenos Aires en 1952, onde viviu ata que regresou a Galicia, con 17 anos. En Arxentina realizou estudos primarios, que completaría co Bacharelato en Vigo -sendo alumno de Xosé Luis Méndez Ferrín e Rufo Pérez-, para licenciarse en Filoloxía Hispánica, sección de Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor titular de Lingua e Literatura Galegas no Instituto San Clemente, da capital galega.

Na emigración, coñeceu a Luis Seonae, Eduardo Blanco Amor e Rodolfo Prada, entre outros destacados exiliados e emigrantes e, unha vez en Galicia, mantén contactos con Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Francisco Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero e Agustín Sixto Seco.

Polo que se refire á súa produción literaria, o seu primeiro libro de poemas foi A caneiro cheo (1985), seguido de Remol das travesías (1989). Tamén son seus títulos como Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras, Campás de Recalada e Coa forza da palabra, así como Invocación dun tempo/Invocació d’un temps, editado en galego e catalán. Publicou a colección de relatos Estación Marítima (1996), na que recolle narracións baseadas no rico mundo das xentes emigradas á Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, Cuba, México, Panamá e Venezuela. A súa obra tense traducido a diferentes idiomas como o inglés, italiano, francés ou alemán.

Fundador e actual presidente do P.E.N. Clube de Escritores de Galicia, membro da Comisión de Literatura do Consello da Cultura Galega, director literario de Edicións Danu, é asiduo colaborador nos medios de comunicación.

Recibiu o Premio Esquío de poesía e o Losada Diéguez de creación literaria; o Premio da Asociación da Crítica Española en 1990; e o Julio Camba de xornalismo e o Modesto R. Figueiredo de narrativa breve, en 1999.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova