Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A música e o teatro protagonizan o programa cultural deseñado polo Concello para as festas de Nadal


# Luns, 10/12/2007
Arrinca este martes, 11 de decembro, e prolongarase ata o 13 de xaneiro

A Concelleira de Cultura anunciou que os Reis Magos estrearán carrozas novas na tradicional cabalgata

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, presentou o programa de actividades culturais deseñado especialmente para as festas de Nadal pola concellería que dirixe. A edil destacou que comprende actividades dirixidas a todos os públicos “especialmente para os nenos e as familias, posto que é unha época para gozar en familia”.

A música e o teatro protagonizan un programa que organiza unha trintena de actividades e que arrincará este martes, 11 de decembro, para prolongarse ata o vindeiro 13 de xaneiro. Abrirá co concerto que ofrecerá a Banda Municipal de Música na residencia de maiores de San Roque, este martes, día 12, ás 19:00 horas.

Concepción Burgo explicou que “se repiten os concertos das corais da cidade, que ofrecerán once actuacións nas igrexas e na Residencia das Gándaras”. Engadiu que estas actuacións xa son unha tradición do Nadal lucense e “serven para que o Concello promociones ás corais e se acheguen aos cidadáns”.

O teatro tamén cobrará protagonismo coas oito representacións programadas cunha división equitativa “pois catro pezas están dirixidas ao público infantil e as restantes teñen unha temática máis adulta” explicou a concelleira. As oito obras son producións galegas e achegarán á cidade as mellores compañías do teatro galego actual.

A obra “Noite de Reis” de Shakespeare abrirá este ciclo de teatro o luns 17 de decembro. O Centro Dramático Galego presentará a partir das 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire a montaxe desta peza emblemática do dramaturgo inglés. Esta representación encadrase no convenio Lugo Cultural desenvolto polo Concello de Lugo, a USC e a Deputación Provincial. Os interesados en asistir poderán adquirir as entradas aos prezo de 5 euros ou 2 euros (prezo especial para estudantes, xubilados e desempregados) na taquilla do auditorio desde unha hora antes do comezo da función.

Os nenos e os pais terán a oportunidade de gozar de pezas teatrais dirixidas especialmente aos pequenos os días 19, 21, 26 e 28 de decembro no auditorio municipal. A edil explicou que as representacións celebraranse ás 18:30 horas para adaptarse aos horarios infantís e as entradas terán prezos populares, xa que poderán mercarse a prezos de 2 euros para nenos e 4 euros para maiores.

A música clásica protagonizará o tradicional Concerto de Aninovo que se celebrará o 3 de xaneiro no Círculo das Artes e que ofrecerá a Orquestra Sinfónica de Ucrania. Esta actuación, que comezará ás 20:30 horas, encádrase na programación cultural organizada polo Concello de Lugo en colaboración con Caixanova. O acceso será gratuíto ata cubrir o aforo e os interesados en asistir poderán retirar as invitacións na Oficina Municipal de Turismo e na Oficina Principal de Caixanova os días 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro.

Ademais, a Banda Municipal de Música ofrecerá o Concerto de Valses de Aninovo no templete da Praza Maior o 13 de xaniro e poñerá peche a este programa de Nadal.

Novidades da Cabalgata de Reis

O acontecemento de Nadal que máis expectación levanta entre os nenos lucenses é a Cabalgata de Reis, que como manda a tradición terá lugar o día 5 de xaneiro a partir das 18:00 horas. Os reis de Oriente partirán do Parque da Milagrosa e realizarán un percorrido polas principais vías da cidade ata chegar á Praza Maior onde serán recibidos polas autoridades e centos de familias.

Concepcion Burgo adiantou que este ano a cabalgata presentará importantes novidades nas que está a traballar a súa Concellería co fin de abraiar aos nenos de Lugo. Unha das máis importantes e que quixo adiantar a edil e que “este ano os Reis Magos chegarán a Lugo en novas carrozas” cun deseño que a edil quere manter en segredo ata o día da cabalgata co fin de sorprender aos máis pequenos.

Tamén explicou que se está a traballar na contratación dos espectáculos de animación que acompañarán a cabalgata.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova