Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A cidade de Lugo batiu un novo récord de turistas durante a ponte festiva da Constitución


# Luns, 10/12/2007
O 60% dos visitantes procederon de fóra de Galicia

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, ofreceu un balance dos datos rexistrados pola Oficina Municipal de Turismo durante a pasada ponte festiva da Constitución. A edil destacou que “os datos deste ano son moi positivos pois confirman que a cidade de Lugo estase a consolidar como un destino turístico tanto en temporada alta como en datas sinaladas como esta ponte”.

Este ano a Oficina Municipal de Turismo atendeu a un total de 310 persoas e destaca a presencia de turistas nacionais, pois supoñen máis do 60% e superan con creces o número de turistas galegos.

Os veciños de Castela-León, seguidos dos asturianos, son os que máis se achegaron a oficina de turismo do Concello. Tamén destaca a presencia de madrileños, de vascos e de andaluces “o que é un dato moi positivo pois significa que Lugo é un destino atractivo que move a xente desde tan lonxe como Andalucía para pasar unha ponte”, especificou a concelleira.

Polo que respecta a turistas extranxeiros, pasaron pola Oficina Municipal de Turismo un total de 44 persoas, das cales o 50% proceden do continente americano e o outro 50% de Europa. Estes días visitaron a cidade arxentinos, franceses e ingleses.

A edil destacou que “estas cantidades superan ás do ano pasado, cando recibimos un total de 260 turistas, e hai que ter en conta que a ponte do ano pasado foi máis longa ao coincidir os dous festivos en mércores e en venres respectivamente”.

Concepción Burgo explicou que tamén creceu o número de visitantes nos museos municipais. A Casa dos Mosaicos, que é o museo máis consolidado e coñecido, recibiu 431 persoas fronte ás 370 do ano pasado.

O Museo de San Roque consolídase pouco a pouco e acolleu a 120 visitantes ao longo desta ponte.

Un dos datos máis relevantes que acreditan que Lugo batiu un novo récord de recepción de turistas durante a pasada ponte son as cifras de ocupación hotelera que rondou o 85%. Os datos oscilan entre o máximo dun 95% que rexistrou un dos establecementos da cidade e o mínimo do 68% doutro. A media sitúase entre o 80 e o 85% de ocupación nos hoteis e hostais da cidade.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova