Imprimir

O CONCELLO DE LUGO INICIA UNHA CAMPAÑA DE FORMACIÓN NO DEPORTE DOS BOLOS


14/12/2007 Trátase de promocionar un deporte para a toda familia a través de cursos gratuítos

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou xunto ao Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, o Xerente de As Termas, Francisco Lambea, a Xerente da Bolera Pleno, Dolores Rodríguez, e o Presidente do Club Milesius Bowling, Vicente Aguirre, unhas xornadas populares de formación no deporte dos bolos.

Esta iniciativa trata de fomentar a práctica dun deporte aínda minoritario na cidade, pero que se pode practicar en familia, con amigos ou en solitario, tal e como explicou Luisa Zarzuela. Entre o día 21 de decembro e o 6 de xaneiro desenvolveranse os cursos de formación na bolera Pleno situada na Ronda das Mercedes e no Centro Comercial As Termas.

O prazo para inscribirse nestes cursos gratuítos permanecerá aberto desde o día 15 ata o 20 de decembro e poderán formalizarse nas instalacións das boleras Pleno ou nas oficinas do Centro Comercial As Termas.

O Concelleiro de Deportes sinalou a implicación do Concello de Lugo na promoción da práctica de deportes alternativos, neste caso “fomentar o deporte dos bolos, que é unha modalidade adecuada para todas as idades e que para iniciarse non require unha especial condición física”.