Imprimir

ARTENADAL ABRE AS SÚAS PORTAS POR SEXTO ANO CONSECUTIVO PARA VENDER O TRABALLO DE 22 ARTESÁNS


20/12/2007 A Praza da Soidade acollerá esta feira entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro

Este venres, 21 de decembro abre as súas portas a sexta edicion de Artenadal, a feira de artesanía organizada en colaboración pola Concellería de Cultura, a Deputación de Lugo, a Consellería de Innovación e Industria e a asociación Artimaña.

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentou xunto a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, e os representantes de Artimaña, Fernando Arias e Belén Gayoso, a Feira de Artenadal 2007 que se encadra dentro do Programa de Nadal da Concellería de Cultura, que dirixe Concepción Burgo.

Sonia Méndez destacou a colaboración do Concello de Lugo na organización “desta feira de artesanía que achega aos lucenses os traballos dun representativo sector da economía galega”. A edil explicou que “O Concello de Lugo amosa deste xeito o seu apoio aos artesáns e considera que é unha boa forma de dinamizar o comercio do centro histórico, xa que esta feira atrae a moitos cidadáns”. Ademais, lembrou o importante labor que se desenvolve na cidade por promocionar o traballo artesán, desde o Goberno Municipal, coas mostras de Oficios Vivos, como desde a Deputación Provincial, a través do Centro de Artesanía e Deseño.

A Praza da Soidade acollerá esta feira de Artenadal entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro e manterá abertas as súas portas entre as 11:00 e as 14:30 horas pola mañá e as 17:00 e as 21:30 horas.

Este ano destaca o aumento do número de artesáns, que ascende a 22, dous máis que o ano pasado, e que proveñen de puntos de toda Galicia, de Asturias, e de Castela e León, o que demostra que é unha feira artesanal consolidada e de referencia entre estes profesionais.

Nun total de 18 postos, un máis que o ano pasado, presentaranse propostas artesanais moi sorprendentes e innovadoras, á vez que se manteñen os estilos máis clásicos da artesanía, como son os traballos en cerámica, en prata ou en coiro. Destacan pola súa orixinalidade unhas pezas realizadas con cravos de ferraduras, e que un ano máis os lucenses poderán atopar produtos de gran calidade elaborados en materiais moi variados, desde o barro ata o cobre ou a alpaca, e destinados a todas as idades. Tamén, os máis pequenos, e os que non renuncian aos xogos, poderán atopar xoguetes artesanais.

Este ano, recibíronse moitas solicitudes de participación o que facilitou que se renoven máis da metade dos mestres, o que da oportunidade a novos artesáns de achegar os seus traballos ao público e, ademais, proporcionarlle aos lucenses a oportunidade de descubrir novos produtos.

A bisutería, a roupa de tecidos elaborados a man, pezas exquisitas e orixinais estarán presentes nesta feira que mañá abre as súas portas ata o día 5 de xaneiro, excepto os días 25 de decembro e o 1 de xaneiro.