Imprimir

INAUGURADA A SEXTA EDICIÓN DE ARTENADAL COS TRABALLOS DE 22 ARTESÁNS


21/12/2007 A Praza da Soidade acollerá esta feira entre ata o 5 de xaneiro

Este venres, 21 de decembro a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, inauguraron a sexta edición de Artenadal, a feira de artesanía organizada en colaboración pola Concellería de Cultura, a Deputación de Lugo, a Consellería de Innovación e Industria e a Asociación Artimaña.

A Feira de Artenadal 2007 encádrase dentro do Programa de Nadal da Concellería de Cultura e está ubicada na Praza da Soidade, que acollerá esta feira entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro e manterá abertas as súas portas entre as 11:00 e as 14:30 horas pola mañá e as 17:00 e as 21:30 horas.

Concepción Burgo e Lara Méndez realizaron unha visita polas instalacións e aproveitaron a ocasión para saudar a cada un dos feirantes. A edil de Cultura destacou a extraordinaria calidade dos traballos e engadiu que “todos son produtos autenticamente artesanais, elaborados cos melores materiais e con gran destreza por estes 22 mestres”.

A edil explicou que “a colaboración do Concello de Lugo na organización desta feira é unha aposta por protexer e promocionar un sector moi representativo da economía galega e sobre todo por protexer un dos símbolos da cultura galega”. Ademais, lembrou o importante labor que se desenvolve na cidade por promocionar o traballo artesán desde o Goberno Municipal coas mostras de Oficios Vivos.

Este ano destaca o aumento do número de artesáns, que ascende a 22, dous máis que o ano pasado, e que proveñen de puntos de toda Galicia, de Asturias, e de Castela e León, o que demostra que é unha feira artesanal consolidada e de referencia entre estes profesionais.

Nun total de 18 postos, un máis que o ano pasado, presentaranse propostas artesanais moi sorprendentes e innovadoras, á vez que se manteñen os estilos máis clásicos da artesanía, como son os traballos en cerámica, en prata ou en coiro. Destacan pola súa orixinalidade unhas pezas realizadas con cravos de ferraduras, e que un ano máis os lucenses poderán atopar produtos de gran calidade elaborados en materiais moi variados, desde o barro ata o cobre ou a alpaca, e destinados a todas as idades. Tamén, os máis pequenos, e os que non renuncian aos xogos, poderán atopar xoguetes artesanais.

Este ano, recibíronse moitas solicitudes de participación o que facilitou que se renoven máis da metade dos mestres, o que da oportunidade a novos artesáns de achegar os seus traballos ao público e, ademais, proporcionarlle aos lucenses a oportunidade de descubrir novos produtos.

A bisutería, a roupa de tecidos elaborados a man, pezas exquisitas e orixinais estarán presentes nesta feira que mañá abre as súas portas ata o día 5 de xaneiro, excepto os días 25 de decembro e o 1 de xaneiro.