Cargando....
Concello de Lugo
09/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Aprázase o comezo do concurso a Busca do tesouro ata os día 3 e 4 de xaneiro


# Mércores, 26/12/2007
Forma parte das actividades de Nadal organizadas pola Concellería de Xuventude

A Concellería de Xuventude apraza o comezo da V edición do xogo a Busca do tesouro ata os días 3 e 4 de xaneiro, mantendo así aberto o prazo de inscripción toda esta semana.

Trátase dunha actividade de ocio alternativo para a mocidade de Lugo dentro das actividades de Nadal que pon en marcha o Concello lucense. O obxectivo é que os rapaces se divirtan e ademais coñezan mellor a cidade e afonden na súa historia.

Os participantes, divididos en grupos de 3 persoas, teñen que superar o reto de descifrar diferentes pistas ata descubrir un tesouro agochado nalgún lugar da cidade. A actividade divídese en dúas fases, cada unha con dez pistas que deben realizarse de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00. No caso de non superar a primeira fase o grupo quedará descualificado e non poderá seguir xogando.

As preguntas poden ser consultadas na Biblioteca Pública, empregando tanto libros coma internet, pero queda descartado o emprego do teléfono móbil ou fixo, e a utilización de internet noutro sitio que non sexa a Biblioteca.

O rastrexo deberá realizarse camiñando e os grupos irán identificados mediante tarxetas e co material que precisan para desenvolver o xogo.

Na Busca do tesouro hai dúas categorías de participantes: a categoría A, que vai dende os 14 ata os17 anos e a categoría B de 18 a 30 anos.

As normas de participación indican que os grupos de concursantes deberán buscar as pistas todos xuntos. Os rapaces da categoría A terán un “comodín” para mercar unha das pistas; poderán empregalo unha soa vez por fase e intercambiarase no Centro Social Uxío Novoneyra, na oficina de información xuvenil.

Haberá unha interrupción do concurso ás 13:30 do mediodía para proseguir pola tarde (no caso de non terminar pola mañá) ás 16:30 na mesma proba na que se finaliza pola mañá. Unha vez concluídas todas as pistas de cada fase os participantes deberán achegarse á Oficina de Información Xuvenil.

É necesario que todos os membros do grupo leven consigo o Documento Nacional de Identidade (DNI) no transcurso da actividade e os participantes da Categoría A deberán presentar ademais unha autorización firmada polos seus titores e o DNI desa persoa.

Os concursantes terán que estar censados en Lugo, matriculados nun centro educativo da cidade (neste caso deberán presentar o xustificante de estar matriculado/a) ou traballando en Lugo (presentarán o contrato de traballo).

Para máis información os interesados poden chamar ó teléfono 982-297496 ou dirixirse á Oficina de Información Xuvenil en horario de mañás das 9:00 ás 14:00 horas, e de tardes das 16:30 ás 19:00 horas de luns a venres.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova