Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza a V edición da Busca do tesouro con 12 grupos polas rúas da cidade de Lugo


# Xoves, 03/01/2008
Terá lugar os días 3 e 4 de xaneiro e contará con premios sorpresa para os equipos ganadores

O xoves 3 e o venres 4 de xaneiro terá lugar en Lugo a V edición do xogo a Busca do tesouro organizado pola Concellería de Xuventude dirixida por Carmen Basadre.

Trátase dunha actividade de ocio alternativo para a mocidade de Lugo que se celebra dende hai 5 edicións dentro das actividades de Nadal que pon en marcha o Concello lucense. O obxectivo é que os rapaces se divirtan e ademais coñezan mellor a cidade e afonden na súa historia.

Os participantes, que este ano están divididos en 12 equipos integrados por 3 persoas, teñen que superar o reto de descifrar diferentes pistas ata descubrir un tesouro agochado nalgún lugar da cidade.

A actividade divídese en dúas fases, cada unha con dez pistas que deben realizarse de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00. No caso de non superar a primeira fase o grupo quedará descualificado e non poderá seguir xogando.

As preguntas poden ser consultadas na Biblioteca Pública, empregando tanto libros coma internet, pero queda descartado emprego do teléfono móbil ou fixo, e a utilización de internet noutro sitio que non sexa a Biblioteca.

O rastrexo deberá realizarse camiñando e os grupos irán identificados mediante tarxetas e co material que precisan para desenvolver o xogo.

Nesta edición da Busca do tesouro hai dúas categorías de participantes: a categoría A, que vai dende os 14 ata os17 anos e a categoría B de 18 a 30 anos.

As normas de participación indican que os grupos de concursantes deberán buscar as pistas todos xuntos. Os rapaces da categoría A terán un “comodín” para mercar unha das pistas; poderán empregalo unha soa vez por fase e intercambiarase no Centro Social Uxío Novoneyra, na oficina de información xuvenil.

Haberá unha interrupción do concurso ás 13:30 do mediodía para proseguir pola tarde (no caso de non rematar pola mañá) ás 16:30 na mesma proba na que se finaliza pola mañá. Unha vez concluídas todas as pistas de cada fase os participantes deberán achegarse á Oficina de Información Xuvenil situada no 31 andar do Centro Social Uxío Novoneyra.

É necesario que todos os membros do grupo leven consigo o DNI no transcurso da actividade e os participantes da Categoría A deberán presentar ademais unha autorización firmada polos seus pais, nais ou titores e o DNI desa persoa.

Os concursantes terán que estar censados en Lugo, matriculados nun centro educativo da cidade ou traballando en Lugo.

Para máis información os interesados poden chamar ó teléfono 982-297496 ou dirixirse á Oficina de Información Xuvenil en horario de mañás das 9:00 ás 14:00 horas, e de tardes das 16:30 ás 19:00 horas de luns a venres.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova