Imprimir

A CORPORACIÓN LUCENSE PARTICIPA EN FERROL NA CELEBRACIÓN DE SAN XILLAO


7/1/2008 É unha tradición do Concello lucense e ferrolán e coincide coa entrega dos galardóns Ferroláns do ano

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado de boa parte da Corporación municipal lucense, participou en Ferrol no programa de actos da festividade de San Xillao que cada ano se celebra o día 7 de xaneiro.

Trátase dunha celebración que conta cunha longa tradición. De feito, comezou arredor do ano 1906, momento no que tivo lugar a primeira visita institucional entre as dúas cidades, oficialmente irmanadas no ano 2000. Ferrol visita Lugo en plenas festas de San Froilán e os representantes lucenses acoden a Ferrol no mes de xaneiro.

A recepción tivo lugar como é habitual no Pazo Municipal, cun recibimento oficial por parte da Corporación Municipal ferrolá co alcalde Vicente Irisarri á cabeza.

Este acto coincide coa entrega das medallas de ouro aos Ferroláns do ano. Os galardóns este ano recaen na Escola Universitaria Politécnica de Serantes representada polo seu director Manuel Graña, no avogado José Seoane Iglesias, no escritor Vicente Araguas Álvarez e no veterinario Manuel Domínguez Rodríguez.

O acto comezou cunhas plabras do alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri que preside por primeira vez este acto, quen deu a benvida á corporación lucense” respondemos así ó agarimo co fomos recibidos en Lugo no San Froilán”. Isto permítenos compartir experiencias e reforzar o diálogo.

Irisarri destacou que Ferrol está a superar “o seu histórico illamento”. “Unha vez finalizada a autovía Ferrol-Vilalba visitar Lugo será un paseo”. O alcalde ferrolán tamén se referiu ó Plan Ferrol e á importancia de fomentar o turismo e dar a coñecer o patrimonio natural do seu concello.

Pola súa banda o Alcalde de Lugo, agradeceu as palabras do novo mandatario da cidade co que dixo “me une unha especial amizade que garantiza as boas relacións entre as dúas cidades”. Dixo que Lugo e Ferrol son dous pobos que se aprecian respectan e traballan en común para o seu desenvolvemento, do que deben saber aproveitarse. López Orozco referiuse á importancia que teñen os lazos de amizade pero tamén ás obras e infraestructuras.

Tamén se referiu á importancia que terá a chegada do tren de Alta Velocidade para que o territorio ferrolán e lucense conten no resto do país e en España “canto máis se achegue o AVE a Ourense, máis preto estará xa das nosas cidades”. López Orozco rematou a súa intervención apoiando que o arsenal de Ferrol e as súas edificacións sexan Patrimonio da Humanidade “Nos fomos os primeiros que confiamos en que isto fora así”.

O Concello de Ferrol recibiu de mans do Alcalde de Lugo dúas figuras de Sargadelos que representan a unidade do pasado agrario e pesqueiro dos dous territorios.

Previamente ao acto institucional, a Corporación lucense e os premiados foron recibidos na Alcaldía e asinaron no Libro de Ouro.

Finalizada a entrega de distincións, tivo lugar a tradicional degustación de arroz con leite, antes do xantar celebrado no Hotel Almirante de Ferrol.