A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, indicou que no a no 2007 máis de 1500 persoas participaron nas actividades organizadas polo Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo. En total, foron 19 accións de divulgación da cultura emprendedora (seminarios dirixidos a alumnos de secundaria, maratón empresarial, rede bang, polígonos en rede) e 34 accións formativas dirixidas a empresarios e emprendedores como o curso consolidación empresarial EOI.
A Concelleira destacou que “só nas xornadas celebradas con motivo do Día do Emprendedor pasaron por este centro máis de 800 persoas”.
Méndez agarda que “esta boa cifra aumente no ano 2008, unha vez que se poña en marcha o Centro de Emprego, co que se centralizarán no complexo de Garabolos todos os recursos para a promoción económica e o emprego do Concello”. O obxectivo que persigue o Goberno Local con este centro é convertilo nun centro de referencia do empresariado e dos demandantes de emprego da cidade.
No 2007 o CEI-NODUS participou por primeira vez en feiras de exposición da cidade: EXPOLUGO e Mostra de Innovación Tecnolóxica nas que se deu a coñecer o centro de empresas e as empresas instaladas a todos os cidadáns.
Asesoramento a emprendedores
A través do CEI o Concello de Lugo quere responder ás necesidades de asesoramento dos emprendedores lucenses. En total, no 2007 atendéronse 180 peticións de información e asesoramento para a creación de empresas, que nalgúns casos desembocaron nunha tutorización integral do proxecto.
Un total de 25 proxectos empresariais puxéronse en funcionamento dende o CEI. Dous deles son SLNE (Sociedade Limitada Nova Empresa) e 5 obtiveron a cualificación como ILE (Iniciativa Local de Emprego).
Ademais do asesoramento prestado polos técnicos do CEI, as empresas teñen a súa disposición un semilleiro de empresas, un espazo diferenzado para que aqueles que teñen unha idea de negocio traballen sobre os seus proxectos. Os locais contan co equipamento informático necesario, teléfono, domicilio social, etc. O Concello quere que as empresas poidan contrastar experiencias neste espazo, facer contactos e, en definitiva, iniciar a posta en marcha da súa empresa.
As empresas do CEI
Na actualidade están instaladas no CEI-NODUS un total de 19 empresas que consolidan máis de 100 postos de traballo. A ocupación do centro alcanza, por tanto, o 93%. A Concelleira indicou que “neste momento están a espera de ocupar locais 7 empresas”.
Mendez lembrou que ”exímese do pago do prezo público pola utilización de locais ás empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base tecnolóxica (IEBT) por un período de doce meses, podendo prorrogarse por outros doce meses se a IEBT acada os obxectivos fixados no Plan de Empresa avaliado polo CEI e supoñan, cando menos, a contratación dun titulado técnico ou superior a tempo completo sobre a contratación inicial”.
O resto das empresas deberán aboar pola utilización de locais as seguintes tarifas:
LOCAIS |
Tarifas | ||
|
1º ano |
2º ano |
3º ano |
Despachos |
3,07 euros/m2 |
4,09 euros/m2 |
4,85 euros/m2 |
Obradoiros e laboratorios |
1,96 euros/m2 |
2,62 euros/m2 |
3,11 euros/m2 |