Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello achega a Lugo a xira mundial dos emblemáticos grupos do heavy metal Helloween, Axxis e Gamma Ray


# Martes, 08/01/2008
Os alemáns Helloween, Axxis e Gamma Ray actuarán o 17 de xaneiro no Pazo de Feiras e Exposicións

A actuación abre unha nova temporada do programa Xoves con Arte deseñado para ofrecer un ocio cultural para a mocidade

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou xunto a un representante da asociación Muralla Rock, Carlos Ferreiro, e ao representante musical, Juan Pablo Población “Tyrson”, o concerto dos grupos Helloween, Axxis e Gamma Ray que achegan a Lugo o espectáculo de heavy metal da súa xira mundial.

A edil explicou que esta actuación servirá para abrir unha nova tempada do programa Xoves con Arte deseñado polo Concello de Lugo para ofrecer á mocidade lucense un ocio cultural con concertos, representacións teatrais e espectáculos de maxia e humor.

Os alemáns Helloween, Axxis e Gamma Ray actuarán o 17 de xaneiro no Pazo de Feiras e Exposicións e as entradas están a venda desde este martes, 8 de xaneiro, nas oficinas da OMIX -de 10:30 a 13:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde de luns a venres-, e nos establecementos El Diablo, GarÇon del Pis e Rivendel.

Os prezos das entradas de venda anticipada será de 22,10 euros e de 26 euros en taquilla, sendo estas tarifas as máis baratas de toda a xira, que en España visitará as cidades de Madrid, Barcelona, Bilbao, Granada ademais de Lugo.

A xira mundial arrincou en Europa e transcorre por países como a República Checa, Suiza, Serbia, Noruega, entre outros. Ademais, visitará países asiáticos e sudamericanos, polo que Lugo estará presente neste exclusivo circuito mundial.

Carmen Basadre destacou que estes tres grupos emblemáticos achegarán aos lucenses o mellor rock e “será unha oportunidade única para que todos os amantes do heavy metal gocen con estes grupos que estarán na cidade non só para actuar, senón que pernoctarán en Lugo dando a oportunidade aos seus seguidores de coñecelos”.

Os membros de Helloween foron os que seleccionaron persoalmente a cidade de Lugo para ser un dos puntos xeográficos da súa xira en España, por ser unha das cidades con máis afección á música heavy.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova