Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo acolle a presentación da V Festa do berberecho de Foz


# Mércores, 09/01/2008
É o cuarto ano que a vila de Foz acode a Lugo a presentar esta tradicional festa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto coa Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, o Alcalde de Foz, José María García Rivera e o seu Concelleiro de Cultura, Xaime Cancio, presentaron a V edición da festa do Berberecho que terá lugar en Foz o vindeiro día 19 de xaneiro.

López Orozco agradeceu que un ano máis “e xa van catro, escollan esta casa, que é a casa de todos os lucenses, para presentar unha festa coma esta que recuperou unha tradición e un extraordinario manxar como é o berberecho”.

O mandatario lucense recoñeceu que sente un afecto especial por Foz, “en Fazouro pasei os 18 primeiros meses da miña vida”. Na súa intervención, López Orozco destacou a importancia de que os alcaldes da provincia fagan cousas xuntos. “Temos que traballar máis en conxunto. Temos un órgano coordenador que é a Deputación e os alcaldes debemos unirnos”. Este punto do desenvolvemento da provincia en conxunto, foi compartido plenamente polo alcalde de Foz.

A festa do berberecho, da que se celebra o quinto ano, terá lugar en Foz os días 19 e 20 de xaneiro. O primeiro día, tal e como explicou García Rivera, comeza a festa a 1 da madrugada e continúa ás 10 da maña do día seguiente coa inauguración oficial, ás 12, por parte do Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Está previsto que se degusten arredor de 3000 quilos de berberechos chegados da ría de Noia e do Vicedo, e que prepararán alumnos da Escola de Hostalería da vila. Os que se acheguen a esta festa poderán degustar berberechos en empanada, ao vapor, á provenzal, á focega...

Os bares, da vila e do rural, tamén ofrecerán tapas de berberechos, para iso o Concello colaborará regalándolles dous quilos deste molusco a cada un.

A festa do berberecho recupera a tradición da vila de consumir este producto. Segundo explicou o alcalde de Foz, antigamente as mariscadoras extraían da ría arredor de 30.000 quilos de berberechos, na actualidade o de Foz aínda non se pode consumir.

Esta celebración ademais permite que unha localidade coma Foz, que se enche de turistas no verán, recupere a vitalidade en épocas de menos actividade como é o mes de xaneiro.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova