Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Política Territorial financiará con 650.000 euros a construcción dos novos accesos ao futuro Hospital de Lugo


# Xoves, 10/01/2008
María José Caride e mailo alcalde José López Orozco asinaron o convenio de colaboración para a execución das obras

A conselleira anunciou que a construción da Rolda Leste comezará no prazo aproximado dun mes

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, para financiar a partes iguais a construción dos accesos ao novo hospital de Lugo que se ubicará no lugar de San Cibrao.

A execución dos accesos a esta futura área hospitalaria está condicionada polas obras da Rolda Leste, na que se proxecta a construción de dúas glorietas que constituirán os accesos principais ao hospital. Dende unha das glorietas partirá un acceso perimetral cara ó Oeste do hospital (de case 383 metros) e da outra glorieta construirase unha segunda vía perimetral cara a zona Leste (de 367 metros).

Segundo o texto do convenio, que foi autorizado polo Consello da Xunta do pasado 28 de decembro, a CPTOPT aportará un total de 650.600 euros para a execución desta obra e encargarase de aprobar o proxecto de construción.

Pola súa banda o Concello de Lugo, que xa aportou o proxecto técnico, financiará o 50% restante das obras (é dicir, outros 650.600 euros), e encargarase de executalas. Así mesmo, o Concello deberá tramitar todos os permisos e licencias necesarias para a construción dos citados accesos. O prazo de execución dos traballos será de dez meses a contar a partires da sinatura do contrato de obra coa empresa que resulte adxudicataria.

Rolda Leste

Durante a súa intervención, a conselleira anunciou que os traballos de construción do primeiro treito da Rolda Leste da cidade, que constituirá a principal vía de acceso ao novo Hospital Xeral de Lugo, comezarán no prazo aproximado dun mes. Este primeiro treito, que vai dende o cruce coa estrada N-640 a Ribadeo ata o cruce coa estrada LU-530 á Fonsagrada, ten 2,4 quilómetros de lonxitude e un custe estimado de 9,9 millóns de euros (dos que 4,6 millóns están consignados nos orzamentos deste ano). Así mesmo, segundo dixo María José Caride, o outro treito –que vai ata a N-VI- está pendente da redacción do proxecto de construción, que se fará este mesmo ano.

A Rolda Leste de Lugo é unha vía de novo trazado, de 5,3 quilómetros de lonxitude, que terá características de autovía e un custe estimado de 28,2 millóns de euros.

Plan Paradai

Trala sinatura do convenio para os accesos ao novo hospital, María José Caride desprazouse á zona das Gándaras para comprobar a marcha dos traballos de urbanización das rúas incluídas no Plan Paradai que está a desenvolver a Consellería de Política Territorial. Trátase de tres actuacións que se realizan na avenida Duquesa de Lugo e a confluencia coa rúa río Narla, no treito desta avenida que vai dende Ponte Romai ata Ponte Paradai e na rúa Alta ata Ponte Paradai, que suman un investimento total de 6,4 millóns de euros. A conselleira lembrou que as obras teñen un prazo de execución de 24 meses e, polo tanto, tal como estaba previsto, estarán rematadas a finais deste ano.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova