Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e Caixanova presentan un ambicioso cartel para a oitava edición da Mostra de Teatro Clásico


# Venres, 11/01/2008
O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá as sete representacións entre o 22 e o 30 de xaneiro

As entradas están a venda desde este venres, 11 de xaneiro, a través de www.caixanova.es ou no teléfono 902 504 500

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e o Director Territorial de Caixanova, Jesús Fernández Vidal, presentaron a programación da oitava edición da Mostra de Teatro Clásico, que xa é un referente no calendario cultural da cidade tras estes oito anos de éxito de público e que, tal e como manifestou a edil, “consolídase non só a nivel da cidade senón a nivel galego, pois esta mostra atrae a público doutras cidades”.

Concepción Burgo destacou a extraordinaria calidade destas producións teatrais que achegarán a cidade as mellores compañías do panorama nacional, entre as que figuran Teatro La Abadía ou a Compañía Nacional de Teatro Clásico, entre outras. No ambicioso cartel están presentes os grandes mestres do teatro clásico europeo como son Shakespeare, Molière, Edmond Rostand, Lope de Vega, José Zorrilla e Carlo Goldoni. A edil explicou que “trátase de deseñar un programa completo que abarque épocas e estilos diversos, dentro do teatro clásico, e de traer obras de grandes autores universais”.

Este ano ampliase o número de pezas a sete, despois do éxito acadado o ano pasado que acadou unha media de 600 espectadores en cada unha das seis obras representadas.

A mostra arrinca o día 22 de xaneiro coa representación da famosa obra de Edmond Rostand Cyrano de Bergerac da man da compañía Concha Busto Producción y distribución. O día 23 UR Teatro Antzekia representará Dos Caballeros de Verona de William Shakespeare, e o 25, 26 e 27 de xaneiro tócalle o turno os clásicos españois coas representacións de Romances del Cid, Margarita la Tornera de José Zorrilla e El perro del hortelano de Lope de Vega. O martes 29 de xaneiro O Teatro da Abadía porá en escea Argelino, servidor de dos amos de Carlo Goldoni, e o Avaro de Molière porá fin ó ciclo o día 30 de xaneiro.

As entradas están a venda desde este venres, 11 de xaneiro, a través de www.caixanova.es ou no teléfono 902 504 500. O prezo establécese entre os 12 e os 7 euros, dependendo da zona, con descontos para estudantes, persoas en paro e xubilados. Ademáis pódense mercar bonos para as 7 funcións a 52 euros na zona A, 38 euros na zona B e 24 na zona C.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova