Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo conta cun novo portal web de turismo


# Luns, 14/01/2008


Os visitantes poderán contar con audioguías en cinco idiomas para identificar os monumentos da cidade

O Alcalde Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, o Subdirector Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Xavier Valiño, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, o Delegado Provincial en Lugo da Consellería de Innovación e Industria, ramón Cortés Máñez, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Francisco Real, presentaron o novo portal web www.lugoturismo.com que contou cunha inversión de 30.000 euros englobados no Plan de Excelencia Turística de Lugo 2004-2008.

Na nova web www.lugoturismo.com o visitante poderá obter a información en tres idiomas: galego, español e inglés. O obxectivo perseguido é crear un portal de promoción e comercialización de servizos turísticos relacionados co turismo na cidade; así como a potenciación de actividades con efecto desestacionalizador do turismo e a fidelización dos nosos visitantes.

Trátase, en definitiva, dunha plataforma de Internet onde o usuario pode atopar, dunha forma cómoda e rápida, toda aquela información que desexe para poder planificar a súa estancia na nosa cidade (servizos de aloxamento, aluguer de vehículos, descarga de rutas, gastronomía...) e programar unhas vacacións inesquecibles.

É un portal moi visual e intuitivo, no que é moi fácil atopar aquilo que se busca e todo o que se pode facer en Lugo. Todo co fin de que o que nos visita goce ó máximo da súa estancia na nosa cidade.

O menú principal contén información permanente acerca de como chegar, que visitar, aloxamentos, gastronomía, de compras, rutas desde Lugo ou festas...

Na parte central da páxina oito imaxes asociadas a produtos turísticos -que se suceden continuamente- amosan os principais encantos da cidade.

O internauta poderá obter as noticias e a axenda cultural programada no municipio en tempo real. A páxina dispón dunha serie de banners laterais, que conteñen contidos destacados nese momento.

Así mesmo quen queira visitar Lugo a través deste portal de Internet disporá dun amplo apartado para facelo (Que visitar), aí atopará a información dos dez principais produtos turísticos que se ofrecen aos visitantes. O primeiro deles é turismo cultural (a muralla, os museos, os monumentos...)
Os outros nove produtos turísticos que conforman Que visitar son: turismo rural, natureza e aventura, peregrinaxe, Lugo accesible, golf, congresos e incentivos, turismo familiar, saúde e beleza e turismo relixioso.

A distribución da información por produtos responde, novamente, ao obxectivo de proporcionar a información que o usuario necesita de xeito cómodo e accesible. Con este atractivo portal pretendemos promocionar a cidade e mostrar a variada oferta turística a un público cada vez máis amplo e esixente. A información adaptouse tanto ao perfil do turista como ao profesional do turismo e aos profesionais da comunicación.

Ruta en MP3
Por outra banda, presentouse tamén un novo produto para enriquecer a oferta cultural de Lugo e dar a coñecer a cidade e a súa muralla Patrimonio da Humanidade. Trátase dunha ruta audioguiada en mp3. Este sistema dá a oportunidade de coñecer a cidade a través da súa muralla e os seus principais monumentos.

As audioguías, que contaron cun persuposto de 29.800 euros, incorporan información de 22 puntos de interese, a través dunha locución amena e orixinal que nos leva por Lugo e descóbrenos a súa historia, costumes e lendas.

Son 25 aparellos de mp3 moi lixeiros e cun sistema audio dixital de gran calidade, que se acompañan dun folleto explicativo que axuda a identificar os monumentos e lugares que se detallan en cada locución. Están dispoñibles en cinco idiomas: galego, español, inglés, francés e alemán e poden alugarse na Oficina Municipal de Turismo.

O prezo é de 6 € e alúganse por 24 horas, o que permite dotar dun alto grao de autonomía ao visitante, xa que pode elixir o momento e o punto do itinerario que desexa visitar.
Ademais, o contido das audioguías tamén pode descargarse gratuitamente na páxina web www.lugoturismo.com.
Trátase dun proxecto financiado polo Plan de Excelencia que permite ao visitante coñecer a cidade a través de arquivos sonoros.

Colaboración institucional
Para a materialización deste traballo foi imprescindible a colaboración co Concello de Lugo, ademais da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e a Secretaría General de Turismo, do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio que asumen a financiación do mesmo, así como a da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova