Cargando....
Concello de Lugo
06/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello pon en marcha a iluminación do parque de Albeiros e de varias rúas do barrio da Piringalla


# Xoves, 17/01/2008
O Alcalde e o Concelleiro de Infraestruturas visitaron a zona para comprobar o perfecto funcionamento do servizo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro e outros membros da Corporación, asistiron á posta en marcha da iluminación pública do Parque de Albeiros e de seis rúas do barrio da Piringalla.

O Alcalde salientou a importancia que o seu equipo de goberno segue a dar aos barrios e á mellora dos servizos en todas as zonas da cidade. Un dos seus obxectivos, tal e como lembrou hoxe, é que todos os veciños teñan os mesmos dereitos e servizos vivan onde vivan, no norte, no sur ou na zona rural. Esa é a meta do traballo diario do Concello.

No Parque de Albeiros a iluminación pública que comezou a funcionar, abarca unha extensión de 5.850 metros cadrados e conta cun orzamento de 35.829,22 euros. Puxéronse en marcha 16 puntos de luz.

Con esta obra complétase a reforma deste parque, acometida polo goberno de López Orozco, e que implicou tamén o peche perimetral da zona, a instalación de novos bancos e mobiliario urbano, dos xogos infantís ou dunha fonte. Esta é a última fase dun proxecto que permitirá que o parque de Albeiros, moi empregado polos veciños da zona, teña todos os servizos.

Primeira fase da iluminación na Piringalla
No barrio da Piringalla púxose en marcha a iluminación das rúas Mar Cantábrico, Atalaya, Alba, Armiño, Flor de Lirio e Rei Chiquito.

Trátase da primeira fase dun proxecto moi ambicioso que supón a mellora, e nalgúns casos a posta en marcha, de iluminación pública moderna nesta zona norte da cidade, que ata o de agora tiña deficiencias neste servizo.

Esta primeira parte do proxecto ten un investimento de 197.967,11 euros e afecta a 14.212 metros cadrados. Conta con máis de 50 puntos de luz en funcionamento e a empresa encargada da súa execución foi Indra Sistemas.

As seguintes fases de iluminación englobarán distintas rúas do barrio, ata que se remate a modernización dos servizos de luz pública que comezou con este equipo de goberno e que permitiu un cambio total desta zona da cidade.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova