Imprimir

LUGO ACOLLERÁ POR SEGUNDA VEZ O CONCURSO NACIONAL DE EDUCACIÓN VIAL


18/1/2008 É a única cidade española na que se celebra por segunda vez este concurso

As autoridades visitaron as obras do novo PIT que contan cun investimento de arredor de 265.000 euros

O sábado 19 de xaneiro comeza a preparación dos preseleccionados para participar no Concurso Nacional


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, presentaron o XLIV Concurso Nacional de Educación Vial e o XXX Concurso Nacional de Seguridade.

Lugo convértese deste xeito na primeira cidade española que consegue esta distinción en máis dunha ocasión. López Orozco destacou este dato “posiblemente débese a que o fixemos todos moi ben na primeira ocasión. E digo todos porque foi un traballo conxunto e por iso se lle outorga de novo a Lugo”.

A aposta do Concello pola educación vial fixo que a Dirección Xeral de Tráfico confiase de novo nas posibilidades da cidade que se converterá no mes de maio na capital da Educación Vial dos máis cativos.

Este Concurso Nacional de Educación Vial nos Parques Infantís, terá lugar en Lugo os días 23, 24 e 25 de maio e está previsto que participen arredor de 95 equipos de rapaces chegados de máis de 75 cidades de toda España.

De feito, segundo explicou o Subdelegado do Goberno, estarán en Lugo arredor de 300 persoas de preto de 16 Comunidades Autónomas: “Toda España estará representada neste Concurso Nacional”.

Jesús Otero tamén explicou que o día 23 de maio comezará o concurso coa recepción dos participantes, o día 24 terán lugar as distintas probas, que se darán a coñecer en pouco tempo, e a entrega de premios e agasallos. Ese mesmo día haberá unha visita cultural pola cidade e provincia de Lugo.

O sábado 19 de xaneiro comeza a preparación
A preparación dos equipos comezará este sábado 19 de xaneiro cun horario de 10:30 a 13:00 horas no Parque Infantil de Tráfico e continuará todos os sábados ata a data do Concurso. Haberá 16 preseleccionados de kart e 10 de ciclomotor

Novas instalacións do PIT
O Alcalde, acompañado polo Subdelegado, a Concelleira de Educación e o Xefe Provincial de Tráfico, aproveitaron a ocasión ademais para percorrer as novas instalacións do Parque Infantil que estarán rematadas en pouco tempo e que contarán cun salón de actos, dúas aulas de formación, dous despachos, unha sala para os monitores e unha pequena sala de reunións, ademais de garaxes e talleres en arredor de 800 metros cadrados de construción.

Trátase dunhas obras feitas, segundo explicou López Orozco, “con cartos de todos e para o uso de todos os lucense”. O investimento nestra obra é de aproximadamente 265.000 euros e a intención do Concello é “estender este importante servizo aos usuarios e usuarias e ao resto dos veciños. É primordial para peóns e conductores. Nós colaboraremos sempre na difusión e promoción de boas prácticas viais”.

O mandatario lucense tamén se referiu á posibilidade de cubrir a pista do PIT “será unha cuestión que se tratará nunha mesa de expertos. Se finalmente se decide non cubrir o recinto, os cartos destinaranse a educación”.