Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Presidente da Deputación asinan a colaboración das entidades para obter o Plan Urban para Lugo


# Luns, 21/01/2008
O Presidente da Deputación visita por primeira vez oficialmente a Casa do Concello

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e algúns membros da Corporación, recibiron por primeira vez, dende que tomou posesión do seu cargo, a visita do Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

É a primeira vez en 9 anos que o presidente do organismo provincial visita oficialmente o Concello. E faino, nesta ocasión, reafirmando o compromiso adquirido co Alcalde lucense de contribuir ao desenvolvemento do municipio de Lugo, neste caso mediante a sinatura dun protocolo de adhesión para conseguir o Plan Urban.

López Orozco destacou a colaboración entre as institucións, “non é un proxecto nin do Concello nin da Deputación senón do conxunto dos cidadáns de Lugo. Avaliado e desenvolvido polos membros da actual Corporación Municipal e provincial”.

Tanto o Alcalde como o Presidente lembraron a importancia do traballo en equipo. López Orozco explicou que con este acordo “ninguén ganou, nin ninguén perdeu, gana a cidade de Lugo. Queremos que na medida que se desenvolva Lugo favoreza o desenvolvemento provincial”.

Gómez Besteiro, destacou a importancia da confianza para que saian adiante “os mellores proxectos. A cidade de Lugo irradia a súa forza á provincia, polo tanto o que pase de bo en Lugo beneficiaranos a todos”.

José Ramón Gómez Besteiro, ata o ano 2007 concelleiro de Urbanismo, foi recibido cunha cariñosa aperta polo Alcalde José López Orozco. Posteriormente, no Despacho de Alcaldía, asinou no Libro de honra e recibiu como agasallo institucional unha figura de Sargadelos que representa a María Castaña.
Gómez Besteiro pola súa banda agasallou ao mandatario con dúas pezas artesanais elaboradas polo propio organismo provincial.

Máis tarde, e xa no Salón de Plenos, procedeuse á sinatura do Protocolo de adhesión que será ratificado polo Pleno do Concello na sesión extraordinaria posterior.

O Plan Urban é un programa europeo que forma parte da convocatoria Iniciativa Urbana que leva a cabo o Ministerio de Economía e Facenda, e que permitirá a reactivación do Centro histórico da cidade e a revitalización do seu comercio, da súa actividade económica. Na súa redacción levan traballando máis de seis meses os técnicos da Concellería de Emprego, que dirixe Sonia Méndez.

Esta iniciativa inclúe melloras no centro histórico, un plan de mobilidade, aposta polo comercio lucense e sobre todo a recuperación do vello cárcere como centro cultural polivalente, que será o núcleo sobre o que se desenvolverá todo o proxecto.

O protocolo de adhesión asinado recolle o compromiso dos dous organismos asinantes da posta en marcha de estratexias innovadoras de rexeneración económica e social do centro histórico de Lugo, mediante un enfoque integrado e que favoreza un desenvolvemento urbano sostible dacordo aos principios e orientacións estratéxicas das políticas comunitarias.

O obxectivo deste protocolo é regular a colaboración entre o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo para a realización do Urban, sempre e cando se conceda a subvención solicitada ao Ministerio de Economía e Facenda no marco da convocatoria de Iniciativa Urbana.

O Concello solicitará a cantidade máxima para o desenvolvemento desta iniciativa, e que é de 16.244.787€. Desta cantidade, 9.271.351€ corresponden á financiación aportada polos Fondos FEDER, 3.973.436€ ao Concello de Lugo e 3.000.000€ á Deputación Provincial.

O prazo de solicitude deste plan remata o 31 de xaneiro e previsiblemente coñecerase a decisión de quen obtén o Urban no mes de abril.

A cidade de Lugo xa optou noutras dúas ocasións ao Urban, con anteriores Corporacións e non o obtivo en ningunha desas dúas convocatorias.

A aposta do Concello nesta ocasión é moi forte e conta coa adhesión de numerosas institucións lucenses que apoian a proposta e permiten que teña máis forza en Europa.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova