Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta en Fitur o Centro de Interpretación da Muralla, as rutas audioguiadas e www.lugoturismo.com


# Martes, 22/01/2008
Será o próximo 31 de xaneiro no stand de Turgalicia

O stand de Turgalicia acollerá, o próximo día 31 de xaneiro, a presentación da oferta turística de Lugo, que este ano presenta como novidades: o Centro de Interpretación da Muralla, o novo portal www.lugoturismo.com e as novas rutas audioguiadas, actuacións realizadas polo Concello de Lugo no marco Plan de Excelencia Turística.

O Centro de Interpretación da Muralla será inaugurado en febreiro pero xa estará presente nesta feira internacional. O edificio, situado na praza do Campo, atópase no centro histórico da cidade, o que foi de especial interese para o desenvolvemento do proxecto. Buscouse respectar a identidade da construción así como establecer un diálogo coherente entre a museografía e a arquitectura.

Trátase dun centro de recepción de visitantes funcional, atractivo e ben equipado que ofrece unha visión interpretativa e amena da Muralla, facilitando unha maior comprensión da mesma e da cidade, o que haberá de redundar tanto en beneficio do visitante (mellor comprensión e satisfacción) como da cidade (maior tempo de estancia). Esta visión tamén inclúe os recursos da área de influencia turística de Lugo, acorde coa estratexia de potenciar o concepto de Lugo como capitalidade da Galicia interior.

Neste centro, realizaranse tarefas de:
- Recepción e acollida de visitantes e información e venda de servizos turísticos.
- Comunicación e promoción do propio centro e de Lugo como destino turístico.
- Programas educativos- talleres didácticos.
- Programas de animación cultural.
- Programas de animación turística.

Portal de turismo
En Fitur terá lugar tamén a presentación do portal de turismo de Lugo ante os membros das administracións integrantes do Plan de Excelencia Turística e tamén do sector empresarial, así como operadores de turismo convocados para o evento.

A páxina, que leva un mes en funcionamento, foi moi ben acollida polo sector turístico do municipio e moi especialmente pola Asociación de Empresarios de Hostalaría que colaborou moi activamente no proxecto proporcionando contidos e difundindo a páxina.

O visitante pode obter a información en tres idiomas: galego, español e inglés. O obxectivo perseguido era crear un portal de promoción e comercialización de servizos turísticos relacionados co turismo na cidade; así como a potenciación de actividades con efecto desestacionalizador do turismo e a fidelización dos nosos visitantes.

O portal é, en definitiva, unha plataforma de Internet onde o usuario pode atopar, dunha forma cómoda e rápida, toda aquela información que desexe para poder planificar a súa estancia na nosa cidade (servizos de aloxamento, aluguer de vehículos, descarga de rutas, gastronomía...) e programar unhas vacacións inesquecibles.

Con este atractivo portal pretendemos promocionar a cidade e mostrar a variada oferta turística a un público cada vez máis amplo e esixente. A información adaptouse tanto ao perfil do turista como ao profesional do turismo e aos profesionais da comunicación.

Rutas en MP3
Lugo presentará un novo produto para enriquecer a súa oferta cultural e para dar a coñecer a cidade e a súa muralla Patrimonio da Humanidade: as rutas audioguiadas en mp3.

As audioguías incorporan información de 22 puntos de interese, a través dunha locución amena e orixinal que nos leva por Lugo e descóbrenos a súa historia, costumes e lendas.

Son aparellos de mp3 moi lixeiros e cun sistema audio dixital de gran calidade, que se acompañan dun folleto explicativo que axuda a identificar os monumentos e lugares que se detallan en cada locución. Están dispoñibles en cinco idiomas: galego, español, inglés, francés e alemán e poden alugarse na Oficina Municipal de Turismo.

O prezo é de 6 euros e alúganse por 24 horas, o que permite dotar dun alto grao de autonomía ao visitante, xa que pode elixir o momento e o punto do itinerario que desexa visitar. Ademais, o contido das audioguías tamén pode descargarse gratuitamente na páxina web www.lugoturismo.com.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova