Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Isidro Novo pronunciará o pregón do Entroido lucense


# Xoves, 24/01/2008
Disfraces, gastronomía, charangas e bailes encheránde festa cada rincón da cidade

Cos bailes infantís de disfraces dos Centros Sociales Municipais, do día 31 de xaneiro, dará comezo ó programa do Entroido deseñado polas Concellerías de Cultura e Turismo, e de Muller e Benestar Social. Continuará coa comida do Entroido no Centro Social Municipal da Milagrosa o venres 1 de febreiro. O menú será a 6,25 euros e as inscripcións poderán realizarse no centro social os días 23, 24, 25, 28 e 29 de xaneiro de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

O pistoletazo de saída oficial do Entroido lucense terá lugar o venres día 1 de febreiro co pregón a cargo de Isidro Novo, novelista e poeta lucense. Como escritor en prosa estreouse en 1994 coa novela Teaza de Brétema, finalista do premio Barco de Vapor. En 1997 publicou un western cómico titulado Por unha presa de machacantes e o libro de relatos Carne de can. Posteriormente viñeron as novelas Súa de si, Un escuro rumor tralo silencio...

Como poeta, publicou en 1997 Dende unha nada núa, e no 2007 Esteiro de noites falecidas.

Isidro Novo, que ten recibido diversos premios de poesía e narrativa, ten sido definido como “escritor todo-terreo”. En 1992 e 1995 publicou unha Guía do bebercio lugués, e ten traballado tamén como radiofonista. Actualmente é vocal representante de Lugo da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Unha vez finalizado o pregón, que se pronunciará na Casa do Concello ás oito da tarde, actuarán as charangas Trompo das Nicras, Paradela e Sesenta e Oito.

Ás 20:30 horas, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, acollerá un concerto de bailables da banda Municipal de Lugo.

Como sempre, no programa, que se prolonga ata o mércores, manteranse as actividades estrela, como os concursos de disfraces, que terán lugar o sábado para rapaces e o martes para adultos. No caso dos pequenos, haberá dúas categorías, de disfraz convencional e disfraz reciclado con lotes de libros para os tres primeiros clasificados en individual, parellas e comparsas. O desfile previo ó concurso sairá da praza da Soidade ás cinco da tarde As inscripcións poderán facerse na Concellería de Cultura antes das 14:00 horas dese día. Do mesmo xeito que para adultos non haberá inscrición con posterioridade ás dúas da tarde do martes 5 de febreiro.

En adultos este ano repartiranse un total de 6.000 euros en premios, tamén para distintas categorías e con varios accésits.

Cociña de Entroido
Repítese nesta edición o concurso e degustación de orellas e filloas que se celebrará o luns, a partir das catro e media da tarde na praza Maior. O prazo de inscrición, que pode formalizarse nos cinco Centros Sociais Municipais, para o certame remata o venres día 1 de febreiro.

Unha vez rematado o concurso terá lugar unha degustación gratuíta de filloas, á que lle seguirá a música co grupo María Castaña, a orquestra Acorde e as charangas Terra Chá, Rizor e Os Ponteses.

Ademais, para promocionar a gastronomía de Entroido, a praza da Soidade acollerá novamente a Feira de Produtos Típicos, que estará amenizada pola música das charangas durante a mañá do sábado.

Ás 16:30 horas do domingo, o barrio de Montirón acollerá o Concurso de Disfraces organizado pola Asociación de veciños Hermanos Pedrosa Francisco Norte.

A festa chegará ó seu final o mércores, 6 de febreiro, co tradicional Enterro da Sardiña, organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro. Sairá do Círculo das Artes ás oito da tarde e rematará na Praza Maior onde se cantarán os tradicionais ferretes.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova