Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo asiste aos actos de celebración de Santo Tomé de Aquino


# Luns, 28/01/2008


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, asistiron aos actos celebrados con motivo da festividade de Santo tomé de Aquino, patrón da Universidade, e que este ano se celebraron na Facultade de Humanidades do Campus lugués.

Na mesa que presidía o acto estaban o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro e tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre e os representantes dos vicerreitorados de Cultura, Investigación, Coordinación, Relacións Institucionais, Comunidade Universitaria e Infraestruturas.

Á Facultade de Humanidades acudiron tamén numerosas personalidades da vida social, cultural e política de Lugo, entre as que se atopaban o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, deputados, senadores e parlamentarios, entre outros, ademais de membros da comunidade universitaria.

O profesor de Tomás Jiménez Juliá foi o encargado da lectura da lección maxistral deste ano, unha vez aberto o acto polo reitor e tras a actuación do Coro Universitario. Co título “A sintaxe como disciplina humana”, o docente falou da evolución da sintaxe dende o seu coñecemento, como materia para dignificar a lingua, ata a actualidade. Partindo do contexto xenérico de que a sintaxe é o estudo da linguística na súa vangarda, fixo referencia aos intentos realizados polos eruditos de utilizar os métodos científicos para o estudo desta materia. Explicou tamén que a sintaxe é unha das materias máis descoñecidas.

O acto continuou coa entrega da Insignia de Ouro da USC ao presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, empresa vinculada dende hai case unha década á Universidade de Santiago de Compostela, coa que organiza conxuntamente todos os anos o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Tras unha nova intervención do coro, foi o propio reitor quen pechou o acto institucional. Tras unhas verbas de recoñecemento á traxectoria de creación do Campus de Lugo, lembrou a traxectoria profesional de Álvaro Rodríguez Eiras do que destacou, ademais do seu apoio a esta institución a súa relevancia dentro do tecido empresarial lugués.

O reitor centrou o seu relatorio no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ao que defendeu contra os seus detractores porque supón “a clonación do sistema de educación superior no conxunto dos países de Europa”. Engadiu que “harmonizar a organización da educación superior non quere dicir replicar, non se trata de que os estudos deban ser idénticos nos distintos países senón que sexan lexibles, comparables e compatibles”.

Lembrou que estes cambios nos que está inmersa a USC non significan privatizar, senón que, por exemplo e por primeira vez, “no sistema universitario español será posible estudiar un máster a prezos públicos e non de mercado”.

Despois dun extenso percorrido polas implicacións que terá o EEES, rematou insistindo na necesidade da implicación de todos os membros da comunidade universitaria neste importante cambio.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova