Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A inauguración de Fimoble augura catro días intensos de negocio arredor do moble


# Xoves, 31/01/2008
A Concelleira de Economía incidiu na importancia de consolidar a feira na provincia

Unha ampla representación de autoridades políticas, económicas e sociais da provincia de Lugo deuse cita hoxe no Pazo de Feiras e Congresos para asistir á inauguración de Fimoble 2008. A que hoxe é a feira máis importante das que se fan arredor do sector do moble en Galicia, espera superar as cifras de negocio do pasado ano (1,5 millóns de euros). 90 fabricantes de mobles de toda España e Portugal que amosarán as súas últimas tendencias en 10.000 metros cadrados de exposición. 31 de xaneiro de 2008

A inauguración da segunda edición da feira profesional Fimoble, organizada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 31 xaneiro o 3 de febreiro, congregou a moitas das personalidades relevantes e representativas da cidade e da provincia de Lugo. O acto estivo presidido por José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo, e nel participaron ademais Sonia Méndez García, Concelleira de Economía do Concello de Lugo por e por Miguel Agromayor, presidente de Fimoble 2008 e presidente da Asociación de Comerciantes do Moble de Galicia.

Ademais, participaron do acto e da posterior visita aos máis de 10.000 metros cadrados de exposición Antón Bao, Vicepresidente 1º da Deputación Provincial de Lugo; Alfredo Mosteirín, presidente da Cámara de Comercio de Lugo; José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio; David M. García Vilela; Nivardo Rego, pola CEL; José Luis Otero e David M. García Vilela, tamén pola Cámara de Comercio de Lugo; Luis Abelleira, presidente de Aprevar; José Miguel Vázquez Calvo, Delegado Provincial de Traballo; e Rubén López, Director-Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Miguel Agromayor agradeceu ser nomeado presidente de Fimoble e recoñeceu o enorme esforzo e traballo de organizadores e patrocinadores (Autolusa, Monbus) para levar a cabo a segunda edición deste proxecto. Destacou a idoneidade de Lugo para coller unha feria destas características; unha feria que representa aos fabricantes que chegan ao 80% de distribuidores e público final. A intención é consolidar a feira en Lugo e que sexa un referente dentro e fora de Galicia.

Pola súa banda, Sonia Méndez, incidiu de novo na importancia de consolidar esta feira nunha provincia na que o sector da madeira e do moble son esenciais. Do mesmo xeito, destacou a relevancia e o esforzo de consolidar o chamado turismo de feiras e congresos a través do Pazo de Feiras e Congresos, un aspecto que dende o Concello de Lugo se comeza a percibir e se apoia dende un principio. Neste senso Méndez agradeceu a presencia e o esforzo de expositores foráneos, que na feira Fimoble son arredor do 90%.
 
Finalmente, José Ramón Gómez Besteiro analizou a importancia do negocio que se xera arredor das feiras. E dentro delas, considerou esencial xerar confianza. É bo o beneficio e o negocio, pero canalizados arredor da confianza. Na provincia destacou a existencia de 200 negocios arredor do moble, algo que xustifica a existencia de Fimoble en Lugo. Neste senso, ofreceu o total apoio da Deputación Provincial para este tipo de encontros empresariais. Agradeceu a presencia dos expositores galegos e do resto de España e Portugal e animounos a consolidar unha feira que en poucos anos pode ser un referente en Lugo, Galicia e no resto do territorio peninsular.

A feira do moble de Galicia só para profesionais. A segunda edición de Fimoble ocupará 10.000 metros cadrados expositivos
do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, consolidándose coma a principal e maior feira do moble de Galicia. Se o ano pasado foron arredor de 60 os participantes en dito certame, para esta edición está confirmada a asistencia de máis de 90 expositores. A feira diríxese exclusivamente a profesionais do sector: fabricantes,
distribuidores, importadores, exportadores, asociacións, empresas e organismos oficiais relacionados. Estes poderán avaliar a oferta e as últimas novidades e tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, de xardín, de terraza, de tapizado, colchonería, mobiliario xuvenil, iluminación e complementos de decoración.

Serán fabricantes chegados dende diferentes partes de Portugal así como Barcelona, Córdoba, Pontevedra, Murcia, Valencia, Albacete, A Coruña, Valladolid, Toledo Asturias y Segovia. A presencia de fabricantes galegos é reducida. Neste senso, cabe destacar que o 90% dos expositores son de fora de Galicia, o cal indica o éxito e o nivel acadado polo certame. Dende a organización se agarda superar con creces os 700 profesionais que en 2007 pasaron polo Pazo de Feiras. Neste senso, o que se prevé coma a consolidación de Fimoble en 2008 fará que a feira adquira un carácter bianual, celebrándose deste xeito a vindeira edición no ano 2010.

No primeiro día de público superáronse o número de visitantes nun 40% con respecto á edición anterior, dato que augura un éxito de público.

Horarios
Do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2008
Horario: De xoves 31 a domingo 3, de 10:30 a 19:30 horas, ininterrompido.
Inauguración, 31 de xaneiro ás 12:30 horas.
Apertura só para profesionais do moble



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova