Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo promocionarase en Francia e Alemaña grazas aos contactos adquiridos en FITUR


# Venres, 01/02/2008
A Concelleira de Cultura e Turismo e a responsable do PET mantiveron xuntanzas para atraer turismo relixioso e de reunións á cidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, continuaron na Feira Internacional de Turismo co seu traballo de promoción da cidade neste escaparate mundial do turismo.

Coincidindo co Día de Galicia, López Orozco e Concepción Burgo, aproveitaron cada minuto para seguir establecendo contactos con países que teñen a posibilidade de enviar turistas cara Lugo.

As primeiras xuntanzas de traballo, mantidas pola Concelleira e a responsable do Plan de Excelencia Turística, Isabel Barreiro, centráronse nos touroperadores franceses, co obxectivo de coñecer a Feira de turismo relixioso de Toulusse e atraer á cidade a aquelas persoas que participan no circuíto Lourdes, Santiago, Fátima. O obxectivo é aproveitar este percorrido para achegar á cidade de Lugo un número moi alto de visitantes que cada ano participan nesa viaxe.

Hai que ter en conta que Lugo é un destino relixioso en potencia, que ve cada ano como se incrementa o número de visitantes que acoden á Semana Santa lucense. A posibilidade de que isto repercuta positivamente na desestacionalización do turismo é a clave que explica estas primeiras xuntanzas de traballo en FITUR.

Outra das apostas fortes do departamento que dirixe Concepción Burgo, é asegurar a presenza da cidade nas principais guías de viaxe e revistas turísticas que aconsellen destinos determinados. Por iso, Burgo mantivo tamén contactos cos responsables do diario El Pais para estudar a posibilidade de que Lugo pase a formar parte das Guías con Encanto de El País Aguilar.

Outro medio que se interesou por coñecer as ofertas turísticas da cidade foi a revista Hola que está a lanzar un novo formato de revista internacional de viaxes que se chamará: Hello visit Spain, e que aconsellará destinos interesantes para coñecer en España.

Turismo de reunións

As últimas xuntanzas mantidas polos responsables lucenses nesta feira que celebra a súa vixésimo oitava edición, foron con Turismo de Alemaña, para dar a coñecer a cidade nese país e coñecer tamén as demandas que teñen os turistas que proveñen desa zona.

Tamén mantiveron contactos cos responsables do turismo de reunións en Navarra. O turismo de reunións é unha nova modalidade de atracción de visitantes ao longo de todo o ano, mediante a organización de xuntanzas e conferencias interesantes durante a maior parte dos meses. Esta iniciativa forma parte das propostas e compromisos adquiridos por Cultura e Turismo coa cidadanía, e asumidos no programa presentado polo equipo de goberno de López Orozco nas pasadas eleccións municipais.

A xuntanza foi co turismo de Navarra porque neste momento están a buscar cidades con encanto como Lugo que queiran coñecer esta nova perspectiva do turismo, con moito auxe en toda Europa.

As novas tecnoloxías tamén facilitarán o achegamento entre os sevizos turísticos da cidade e os seus potenciais visitantes. A Concelleira de Cultura e Turismo mantivo un encontro cos responsables de Web 2.0 para analizar a posibilidade de que Lugo dispoña dun blog no que os turistas, que xa coñecen a cidade, poidan opinar con outras persoas sobre o que viron.

Día de Galicia

O Alcalde e a Concelleira de Cultura participaron nos actos organizados con motivo do Día de Galicia. Xunto á Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, o Ministro de Cultura, César Antonio Molina, a Presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, e o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, percorreron o stand de Turgalicia xunto ao Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Un ano máis o mandatario lucense está representando á cidade no día que Fitur dedica á comunidade galega e non quixo desaproveitar a visita do Presidente e dos Ministros para ensiñarlles a oferta turística que o stand de Lugo presenta un ano máis en Fitur.

O Alcalde amosoulles a “Nova ruta de Tapeo” e a “Nova guía de Hostalería que supoñen algunha das novidades máis atractivas que os turistas poderán atopar a partir de agora na Oficina Municipal de Turismo de Lugo.

O percorrido por Turgalicia e por stands de outras localidades galegas rematou cunhas palabras do Presidente da Xunta de Galicia.

O Alcalde regresa a Lugo para participar esta tarde no acto do Pregón de Entroido.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova