Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O depósito de residuos no Punto Limpo aumentou en máis dun 200% no ano 2007


# Venres, 01/02/2008
Os lucenses fan cada vez máis uso deste servizo gratuíto e depositan electrodomésticos, equipos informáticos e outros residuos

O Concelleiro de Medioambiente, Lino González-Dopeso presentou un balance dos residuos recibidos durante o ano 2007 no Punto Limpo da cidade, que está situado no Polígono do Ceao e ten un horario ininterrumpido de luns a sábado de 9:00 a 21:00 horas.

O edil manifestou a súa satisfación ante o crecente e continuo uso que fan os lucenses deste servizo gratuíto, pois supón un descenso da aparición de vertedeiros incontrolados e favorece a correcta xestión dos residuos contaminantes.

Explicou que o Punto Limpo experimentou un aumento notable na entrega de residuos con respecto ao ano pasado segundo indican as cifras totais rexistradas:

- en 2006 xestionáronse 41.761 quilos, 3.553 litros e 9.586 unidades;
- mentres en 2007 recibíronse 46.938 quilos, 3.602 litros e 20.114 unidades dos distintos tipos de residuos que se poden depositar no Punto Limpo.

O concelleiro destacou o espectacular aumento na entrega de residuos encadrados nas chamadas liñas blanca e marrón, que son os electrodomésticos e aparatos eléctricos, como radios ou televisores, e os equipos informáticos o que aporta un dato moi positivo en materia de protección medioambiental.

En 2006 os lucenses depositaron 1.955 electrodomésticos e televisores, mentres en 2007 desfixéronse de 3.348. Polo que respecta aos equipos informáticos, en 2006 entregáronse 1.444 unidades; en 2007 depositáronse 2.510, o que supón un aumento do 173%.

No Punto Limpo tamén se recollen materiais como cd’s e tóner e as cifras rexistradas este ano son moi positivas xa que se depositaron un total de 1.057 unidades fronte ás 419 do ano pasado 419.

Lino González Dopeso sinalou a necesidade de fomentar o uso do Punto Limpo entre os lucenses, para facilitar a eliminación correcta dos residuos de material eléctrico e informático, porque na sociedade actual o consumo deste tipo de produtos dispárase, mentres de xeito inverso, o periodo de vida útil destes aparatos acórtase.

O edil explicou que “segundo datos ofrecidos pola UE os residuos eléctricos e electrónicos xa supoñen maís do 4% do lixo total producido en Europa. Esta inxente cantidade de lixo hai que xestionala correctamente, porque estes produtos constrúense con materais altamente contaminantes, como son os metais como o cadmio, chumbo, cromo hexavalante ou mercurio, entre outros… E este tipo de metais son tóxicos para os seres vivos e degradan o medioambiente polo que os cidadáns deben saber que dispoñen dun servizo gratuíto onde depositar estes aparellos”.

En España producíronse en 2007 máis de 400.000 toneladas deste tipo de residuos este dato da unha idea da necesidade de xestionar correctamente estes desperdicios para evitar o deterioro medioambiental que provoca este tipo de lixo.

O Punto Limpo é un punto de recollida que despois entrega estes desperdicios aos xestores autorizados para facilitar a súa reciclaxe. Coa tecnoloxía da que dispoñen as empresas o 95% dos compoñentes dun teléfono móbil poden reautilizarse, e o 70% dunha lavadora.

En España supéranse os 47.500.000 de teléfonos móbiles, e cada cidadán cambia de teléfono cada 16 meses. Estes son produtos fabricados con metais altamente contaminantes, en especial as baterías que empregan. En Lugo, entregáronse 484 móbiles e baterías, número que ascende a 552 en 2007.

Aceites e outros residuos

Nos datos rexistrados en 2007 destaca positivamente que aumente o depósito de aceite doméstico, que pasou de 549 litros a 1.486 litros no 2007, o que supón un crecemento do 270%. Tamén recibíronse 152 litros máis de aceite de coches con respecto ao ano pasado, no que se depositaron 1.062 litros.

No ano 2007 foron recollidas importantes cantidades doutros produtos como fluorescentes que, tamén amosan un extraordinario aumento, pasando das 556 unidades do 2006 as 2.645 unidades entregadas neste ano.

Tamén destacan os datos referidos aos aerosoles, que aumentaron de 188 a 274.

Respecto o depósito de plásticos, xoguetes e persianas pasouse das 824 unidades entregadas o ano pasado ás 1.844 unidades deste semestre.

No Punto Limpo tamén se recolleron este ano 1.046 kilos de medicamentos fronte aos 38 quilos de 2006. Mentres, os datos sobre a entrega de chatarra aumentaron pasando de 3.389 quilos en 2006 a 4.461 quilos en 2007. Outra cifra positiva refírese ao depósito de plásticos para silos, que aumentou a máis de once metros cúbicos, fronte aos 6 metros cúbicos de 2006.

O edil lembrou que todo residuo doméstico que teña carácter perigoso ou cuxo volume sexa tan grande que impida depositalo nun colector, deberíase levar ao Punto Limpo. A lista de produtos máis comúns se que poden levar ao Punto Limpo son:

- pinturas, vernices, colas, decapantes, aguarrás sintético, tinguiduras, protectores de madeira;
- pilas e acumuladores; baterías de vehículos;
- aceites de cociña e de motor;
- lámpadas fluorescentes ou especiais (halóxenos);
-produtos químicos e envases que conteñan produtos perigosos como pesticidas, produtos de limpeza ou desinfectantes;
- aerosois;
- medicamentos;
- mobles e aveños;
- roupas, trapos, calzado, téxtiles de decoración;
- electrodomésticos, frigoríficos e equipos de refrixeración, material electrónico (ordenadores, videocámaras, cintas de vídeo, CD, teléfonos);
- cartóns, papel, madeiras e obxectos plásticos;
- cascallos e chatarras metálicas provintes de pequenas reformas domésticas (material de fontanería, cableado eléctrico, portas, fiestras, somieres, etc.);
- outros como restos de poda ou xardinería, cosméticos, produtos de fotografía, radiografías, termómetros, etc.

González-Dopeso resaltou que o esforzo que os usuarios realizan ao trasladar os produtos ata o Punto Limpo vese recompensado polos riscos que se conseguen evitar polos residuos perigosos. Pero non só iso:

- Tamén se evita a vertedura incontrolada e o consecuente impacto ambiental dos residuos voluminosos que non poden ser eliminados a través dos servizos convencionais de recollida de lixos;
- Aprovéitanse os materiais contidos nos residuos que se poden reciclar directamente, co que se consegue un aforro enerxético e de materias primas e redúcese o volume de residuos que hai que eliminar;
- Búscase a mellor solución para cada tipo de residuos co obxectivo de lograr a máxima valoración dos materiais e o mínimo custo na xestión global.

A xestión incorrecta deste tipo de residuos repercuten directamente na saúde das persoas e dos animais. Algúns exemplos de graves consecuencias medioambientais son:

- Materias como as pilas, pinturas, baterías, aparellos eléctricos ou electrónicos, termómetros: conteñen metais pesados como o cromo, chumbo e mercurio, que, baixo condicións anaeróbicas típicas dos vertedoiros, poderían converterse biológicamente en diversos compostos, algúns deles extremadamente tóxicos (metilmercurio, dimetilarsénico ou dimetilselenio, por exemplo), e se se disolvesen en líquidos, poderían ingresar no ecosistema da zona onde se aloxan indebidamente;

- Os líquidos refrixerantes dalgúns aparellos domésticos como os frigoríficos antigos conteñen gases (os CFC, que contribúen a destruír a capa de ozono, e os HCFC, que favorecen o efecto invernadoiro); se se abandonan en escampados ou nos vertedoiros, a estrutura que os contén podería terminar degradándose ata permitir o escape dos gases.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova