Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Pregón das Festas de Entroido de 2008


# Venres, 01/02/2008
O poeta lucense Isidro Novo abriu as festas de Don Carnal coa lectura do pregón ás 20:00 horas na Casa Consistorial

O poeta lucense Isidro Novo abriu as festas de Don Carnal coa lectura do pregón ás 20:00 horas na Casa Consistorial. No acto participu o Alcalde de Lugo, José López Orozco, membros da Corporación Municipal e outras autoridades locais.

Pregón das Festas de Entroido de 2008

“ Lugantinas e lugantinos, visitantes e transeúntes, boas noites:

É para min un derrame de satisfacción, como diría o Roxo de Albeiros, ser a voz elixida para pregoarvos estas que son as festas máis pecaminosas de todo o ano, unhas festas nas que o que verdadeiramente resultaría imperdoábel sería non pecar ou pecar por defecto, pois se algo debe caracterizar estas celebracións entroideiras é o exceso, a demasía, o reverter, sempre que esa exuberancia, que en todo momento ha de ser de gozo dos celebrantes, non atente contra os demais de maneira moi abusiva.

Seica estes pagáns festexos son celebrados en Europa dende épocas descoñecidas, así que non se sabe con certeza a súa orixe, e se hai teorías que apuntan que poidan provir da tradición celta, outras inclínanse a crer que poderían ter conexión coa adoración a Baco. Ten o Entroido en Galiza un carácter especial, e aínda que é en terras ourensás onde acada o seu máximo expoñente nas rúas, todo o país galego amosa proclividade á súa celebración. Que en Lugo se é devoto do santo Entroido demóstrao o feito de que no calendario local o seu día grande, o Martes Lardeiro, é todos os anos día non laborábel.

Lardeiro que, como é doado deducir, vén de lardo, que como se sabe é a graxa e a graza que abeira e ás veces ata percorre en rosáceos ríos o touciño, o xamón, o lacón e outras salgaduras porcinas. Porque coñecedores todos os que nelas participamos de que estas son en grande medida unhas festas gastronómicas, tamén sabemos que falar de Entroido é falar de porco. Dese animal que tanta fame ten quitado na nosa terra e ao que, como a un tótem ao que se lle rendese atípico culto, demostrámoslle a nosa veneración facéndoo emperador das nosas mesas e engulíndoo con intemperanza e teimosía non discriminando ningún lugar da súa xeografía corporal. E así ocorre porque o prato indiscutíbel destas festas é o cocido, que pode levar xamón e lacón, touciño e chourizos, cachucha e dente, botelo ou androlla. E segundo o señor Cunqueiro tamén admite costela salpresa e debe levar galiña, ademais de xarrete ou faldra, que na súa opinión son as mellores carnes de vitela para un cocido. E como non, verdura, que poden ser grelos ou repolo e non poden faltar os garavanzos e mailas patacas. Non perdoa don Álvaro nin sequera a sopa de cocido, que ao seu ver vai ben diante deste, porque fai unha balsa de calma no estómago.

Houbo un tempo no que estaba preocupado don Álvaro porque se puxera de moda o lacón con grelos e el coidaba que xa levaba camiño Galiza de non dar tantos lacóns como se xantaban. Dicía o home que dende San Martiño comezaba a rolda do lacón por estas terras e non remataba ata o martes de Entroido. Víase que era máis partidario do cocido e hoxe estaría contento de saber que foi este quen gañou o pulso.
Co cocido recomendaba o noso sabio mindoniense un tinto do país, o máis sereno e graduado que se puidese. Afortunadamente a nosa Ribeira Sacra cada vez elabora viños mellores e en Lugo ademais temos algo que xa perderon outras vilas e cidades. Entrado xa ben o século XXI aquí aínda podemos gozar de interesantísimos viños de colleita servidos no típico costas largas en calquera barrio que nos atopemos. Dentro de murallas ou na Milagrosa, camiño das Saamasas ou en San Roque, no Carme ou en Recatelo, na Ponte ou no Castiñeiro, polas Gándaras ou por Castelo. É unha pena que non se lle dea máis publicidade a esta conservada tradición das nosas tabernas porque, repito, xa non é usual fóra dos nosos lindes que os que se dedican á venda do mol se tomen a molestia de ir encher as barricas a onde se produce para ofrecerllo á clientela, cos traballos e riscos que facelo comporta.

Mais, logo desta digresión, cómpre volver á mesa, porque malia que a andorga está repleta aínda hai que sacrificarse e adozar o padal coas froitas de tixola propias das datas e serán as filloas e os freixós perfumados con flor de laranxa, as chulas recendentes a limón e as orellas anisadas, as que lle poñerán o curuto a tanta fartura, acompañadas se acaso con algún licor feito coa caña do país. E despois diso cómpre correla, deixar que esa alegría e esa incomodidade que dá ter o bandullo cheo vaian en procura de troula e de movemento.

Disfrazarse é o acto social máis relevante do Entroido. Hai que dicir que na Galiza consérvase bastante ben o que é o espírito primixenio da festa a este respecto, porque aquí aínda na maioría dos casos serve para disimular o aspecto dunha persoa evitando que sexa recoñecida, porén en lugares como Venecia ou Río de Janeiro, por poñer dous exemplos, o disfrace derivou cara a camiños diferentes e a súa función é sobre todo estética, cunha intención clara de que os que o portan sirvan de pezas para conformar un vistoso espectáculo, o cal tamén ten o seu aquel, a verdade sexa dita. Acó, aínda que logo todo quede en nada, disfrazámonos sobre todo coa intención de transgredir, co ánimo de dicir o que pensamos con total impunidade, co desexo de facer cousas que coa nosa identidade á vista non seriamos capaces. Talvez por iso estas festas non estaban demasiado ben vistas na longa noite de pedra pasada e, quizais porque houbese menos vixilancia, era no medio rural onde proliferaban máis as máscaras e as bromas entre veciños.

Pero chegado o punto de falar desa indumentaria inhabitual que é o disfrace, non quixera deixar de mencionar a unha das persoas que ano tras ano mellor o levaba e que con máis intensidade vivía o Entroido en Lugo. Antonio Penedo, amigo de noso, ademais dun enorme rapsodo, era un extraordinario actor que se non acadou máis gloria nos escenarios foi porque o éxito non tiña para el o menor interese. E talvez por iso a única concesión a Talía adoitaba facela nesta época. Era como a dádiva anual que o amado lle outorgaba a unha amante á que non correspondía, mais que non quería desdeñar. El non hai moito pregoara estas festas dende esta casa. Xa non nos é posíbel a súa presenza física, pero estou seguro de que o seu espírito lúdico segue connosco.

E logo desta lembranza necesaria e merecida, volvo as miñas palabras aos festeiros de hoxe dicíndolles que se é tradicional nestas datas o cocido e mailo disfrace, non o é menos meterlle o dedo no ollo tanto aos políticos como ao clero, e non son eu quen vaia eludir asunto tan principal.

Polo que respecta aos primeiros quixera facerlles a miña crítica arremedando a Macedonio Fernández, aquel xenial e extravagante escritor, ao tempo que sutil humorista, que tanto admirou Jorge Luis Borges ao que lle escribía cartas con parágrafos do tipo: “Tienes que disculparme no haber ido anoche. Soy tan distraído que iba para allá y en el camino me acuerdo de que me había quedado en casa. Estas distracciones frecuentes son unha verguenza y me olvido de avergonzarme también”. Pois ben, eu se fose Macedonio diría: Aquela ponte que precisabamos hai tempo como o pan para a boca e que aínda está sen facer, ten a día de hoxe tantísima xente sen poder facer uso dela que se podería dicir que quedou obsoleta e resulta insuficiente, polo que estaría ben ir pensando en construír outra. Pero tamén hai que dicir que houbo cousas positivas, e unha delas é que o palacio de San Marcos xa non é un domicilio privado. Agora o que estaría ben sería tapar aquelas dúas pozas e levar de alí aquelas tres coníferas que non deixan ver a fachada.

É tradicional por aquí que os homes nos disfracemos de mulleres e ás mulleres de homes. Supoño que por aquilo de poñerse no outro lado das cousas. Tampouco nisto se debía esaxerar, porque agora hainos que queren amosar como viva unha maneira de pensar que leva máis de trinta anos enterrada e xa daquela cheiraba ao rancio. E un dos que están nesa teima é o noso paisano o monseñor Rouco Varela. Si, don Antonio María, quen por certo, segundo lle sentín dicir na radio galega ao eminentísimo risoterapeuta don Francisco Lodeiro adoita disfrazarse de Paquito Clavel. Para afirmar isto baséase o recoñecido especialista en que son cuspidiños e en que nunca os puido ver xuntos. Claro que, será monseñor quen se disfraza de Paquito ou viceversa? Din que o noso novo bispo don Alfonso é sobriño de don Antonio María e póñome a tremer, porque se é certo que en algunhas familias a ideoloxía é unha cousa xenética, sinceramente eu preferiría que o noso bispo fose sobriño de Paquito Clavel.

En fin, ha ser o que deus queira. Cumprido con este meu deber de criticar aos que mandan ou pretenden mandar, a min soamente me queda desexarlle a todo o pobo de Lugo neste Entroido de 2008 risas e fartura e quero facelo dedicándovos este soneto porcino do libro de Darío Xohán Cabana “A fraga amurallada” titulado: Desagravio do porco Meu Señor

DESAGRAVIO DO PORCO MEU SEÑOR

Chamárache eu, señor marrao, alcume
que máis cadrara co xamón asado,
señor de longaínzas que do fume
collen a escura cor no peldurado.
Chamárache eu, señor marrao, resume
de todo o que na terra nos é dado
pola cacheira que é talvez o cume
do sabor máis ilustre e variegado.
Chamárache eu, señor marrao glorioso,
por nomes de máis cálida eufonía
en homenaxe ó raxo e ó touciño.
Chamárache eu, señor marrao, formoso
polo lacón con grelos, alegría
da comellada ben regada en viño.


Feliz Entroido!!!
Dixen.

Isidro Novo



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova