Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza as II Xornadas de Prevención de Drogodependencias


# Mércores, 06/02/2008
Nesta ocasión centraranse na posta en común de medidas de prevención no ámbito educativo

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 26 de febreiro

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou as II Xornadas de Prevención de Drogodependencia que este ano levan o título de “A prevención en contextos educativos” e terán lugar os días 29 de febreiro e o 1, 7, 8, 14 e 15 de marzo no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado de Lugo.

Estas xornadas serven de foro para o intercambio de experiencias e para establecer redes de comunicación e interacción entre os distintos profesionais implicados no traballo de prevención de drogodependencias. O ano pasado as xornadas estiveron dedicadas aos traballadores e asistentes sociais, mentres nesta edición centraranse no eido da educación.

Terán lugar unha serie de conferencias teórico- prácticas ofrecidas por poñentes especializados e de referencia no ámbito das drogodependencias e da educación. Carmen Basadre explicou que “este encontro favorecerá a comunicación e o debate constructivo entre os profesionais implicados, fomentando o interese e a participación dos traballadores do eido socioeducativo na prevención das drogodependencias como parte intrínseca á formación integral e permantente dos cidadáns”.

Entre os obxectivos principais destas xornadas figuran o de establecer liñas de actuación futuras con carácter de continuidade e capacitar aos profesionais da educación como mediadores na resolución de conflictos no eido da prevención de drogas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 26 de febreiro e haberá un cupo de 150 prazas, a matrícula é gratuíta e pode tramitarse a través da web www.prevenciondrogas.lugo.es.

Carmen Basadre anunciou que “esta mesma mañá recibimos a declaración de recoñecemento de xornadas de interese sanitario” e lembrou que servirán para convalidar por un crédito de libre configuración na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde o Plan Municipal de Drogodependencias do Concello de Lugo desenvólvense ao longo de todo o ano distintas actuacións educativas e informativas que abarcan tres dimensións: a comunitaria, a familiar e a educativa desde o punto de vista da prevención do consumo de drogas.

Os principais destinatarios son os sectores poboacionais potencialmente consumidores de drogas como son o máis pequenos e a mocidade. A edil explicou que “a prevención ten que fundamentarse na colaboración entre os profesionais e na potenciación de accións educativas que promovan o desenvolvemento de coñecementos, actitudes e valores dirixidos a estimular a conciencia crítica dos rapaces e as súas habilidades de relación social”.

Para obter máis información pode consultarse o programa completo na web www.lugo.es.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova