Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo convoca o VII Concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo


# Xoves, 07/02/2008
Nas pasadas edicións acadouse un éxito de participación

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro presentou a VII edición do concurso de debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo destinado a todos os escolares e a estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia. Na presentación estiveron presentes representantes das institucións colaboradoras: a Coordinadora de Educación Vial da Xefatura de Tráfico, Sara Fuenteseca, e Esther López representante de Mapfre e o responsable do Parque Infantil de Tráfico do Concello de Lugo, José Reigosa.

Esta iniciativa municipal está orientada a fomentar unha boa educación viaria entre os nenos e os mozos galegos e convídaos a reflexionar sobre este tema a través dun exercicio de creatividade. O Concello de Lugo quere concienciar e previr dende a infancia para sensibilizar aos cidadáns sobre as boas prácticas viarias. A Concelleira indicou que “cada ano temos a satisfacción de contar con alumnos de toda Galicia partricipando no noso concurso”.

Dende o Concello estase a desenvolver un programa de Educación Viaria a través de varias actividades para nenos e mozos que se celebran ao longo do curso escolar no Parque Infantil de Tráfico e nos colexios.

Nas pasadas edicións deste concurso acadouse un éxito de participación, e ano tras ano aumenta o número de colexios que dende toda Galicia mandan traballos. No ano 2007 participaron un total de 800 debuxos que competiron polo trofeo ó centro con maior calidade artística.

As bases establecen cinco categorías de participación que comprenden idades de 3 a 17 anos:

- Categoría A: para 1º, 2º e 3º de primaria;

- Categoría B: para 4º, 5º e 6º de primaria;

- Categoría C: para 1º, 2º e 3º de secundaria;

- Categoría D: para 4º de secundaria, 1º e 2º de bacharel;

- Categoría E: para Educación Especial

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 17 de abril e pódense presentar nas oficinas de Rexistro Xeral do Concello ou na Xefatura Provincial de Tráfico. Para máis información pódense consultar as bases na web www.lugo.es.

Os galardóns do concurso entregaranse o día 4 de maio nun acto encadrado dentro do programa da Festa da Seguridade Viaria. O concurso establece tres premios para cada categoría e consisten en ordenadores portátiles, bicicletas e cascos, minicadeas musicais ou trofeos segundo a categoría.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova