Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Emprego inaugurou a segunda xornada divulgativa organizada polo Cetal


# Xoves, 07/02/2008
Dous expertos presentaron un estudo sobre a innovación nas Pemes do sector agroalimentario de toda España

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, inaugurou a segunda charla do ciclo de xornadas divulgativas organizado polo Cetal. Esta iniciativa estase a desenvolver ao longo de catro citas fundamentais para os profesionais e empresarios da agricultura, gandeiría e alimentación, durante as que o Cetal servirá de plataforma informativa para a difusión dos últimos avances acontecidos no sector agroalimentario.

A charla tivo lugar este xoves, 7 de febreiro, ás 11:00 horas no Salón de Actos do Cei e precisamente, Sonia Méndez manifestou “a satisfacción do Concello de Lugo porque o Cei acolla a celebración dunhas xornadas tan importantes para o sector agroalimentario, que é un pilar fundamental na economía lucense e galega”. Aproveitando o tema da charla a edil tamén lembrou que o Cei ofrece un servizo de asesoramento en materia de innovación e xestión empresarial para emprendedores e pequenas empresas.

O Director da Área de Investigación e Márketing do Instituto Cerdá, Agustín Filomeno Alsina, e o Xefe de Área de Industrias de Orixen Vexetal do Mapa, Horacio García Crespo, foron os responsables de impartir a conferencia na que presentaron o estudo realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para coñecer a situación da innovación nas pequenas e medianas empresas do sector agroalimentario en España.

O estudo consistiu en dúas fases, dunha banda a análise cualitativa, para a se realizaron entrevistas persoais aos principais expertos do sector, e doutra banda unha análise cuantitativa, que se estableceu en base a máis de 800 entrevistas telefónicas a pemes agroalimentarias.

Entre as conclusións obtidas na investigación os expertos destacaron que en xeral a innovación enténdese principalmente como a incorporación de novas tecnoloxías e as empresas que realizan algunha acción de innovación céntranse na mellora das instalacións.

Do estudo extraese tamén que:

- Tan só unha de cada dez teñen un departamento específico para a innovación e este está composto de 3 ou 4 persoas de media, na maioría é persoal da empresa dedicado á innovación, pero non especializado.

- O 40% dos entrevistados non realizan ningún tipo de investigación, desenvolvemento e innovación e tan só o 1,3% destina máis do 10% da súa facturación.

- 1 de cada 10 pemes colabora con algunha organización en materia de innovación, principalmente recorren a centros tecnolóxicos e universidades.

- En canto ás axudas case o 20% das empresas entrevistadas manifesta traballar coa Administración. Ao 66% das 371 empresas que recoñeceron solicitar algunha subvención nos últimos 5 anos, foilles concedida.

Agustín Filomeno Alsira concretou que este estudo complétase cunha serie de recomendacións para mellorar a competitividade das pemes agroalimentarias.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova