Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e as Conselleiras de Política Territorial, Cultura e Vivenda chegan a un acordo para construír un auditorio en Magoi, o centro de romanización no cuartel de San Fernando e vivendas protexidas na cidade


# Venres, 08/02/2008
A Consellería de Política Territorial ratifica o seu compromiso para a construción do auditorio en Magoi, e xa dispón das partidas orzamentarias necesarias

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asinou coas consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, de Cultura e Deporte, e de Vivenda e Solo, un protocolo para a construción do Centro Cultural-Auditorio de Lugo, a adecuación e apertura do Centro de Interpretación e Museo da Romanización e a edificación de vivendas protexidas na cidade. Este acordo ten por obxecto garantir que o desenvolvemento da cidade de Lugo sexa compatible coa conservación e respecto ao seu importante patrimonio histórico, representado principalmente pola Muralla, e así recoñecido pola UNESCO. As titulares dos tres departamentos explicaron que os condicionantes da cidade da Muralla obrigan a unha actuación integral e coordinada da Xunta para facilitar o seu desenvolvemento urbano mantendo un estrito respecto polo seu ben máis prezado, o rico patrimonio cultural que atesoura Lugo.

O texto protocolario asinado hoxe establece as bases de colaboración técnica e económica entre a Xunta e o Concello de Lugo para acometer as actuacións sinaladas. Así mesmo, o acordo especifica que cada unha das actuacións deben desenvolverse a través dos correspondentes convenios de colaboración posteriores nos que se concretarán as obrigas de cada unha das partes asinantes.

Centro Cultural-Auditorio de Lugo
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes asume o financiamento e construción do centro cultural-auditorio de Lugo nunha parcela de 13.700 m2 en Magoi que cede a Consellería de Vivenda a través do IGVS. A conselleira María José Caride ratificou o seu compromiso para que Lugo dispoña dun auditorio “no prazo máis breve posible” e, neste senso, anunciou que se inicia “dende xa” o proceso de contratación do proxecto para a nova ubicación. “Temos xa a ubicación, xa a parcela e xa os recursos económicos necesarios, polo tanto temos a vontade de axilizar ao máximo o proceso para dotar canto antes a Lugo do auditorio que a cidade precisa”, reiterou a conselleira. Segundo explicou María José, a previsión é deseñar o proxecto este mesmo ano para sacar a licitación e empezar as obras ao longo de 2009. Así mesmo, a conselleira de Política Territorial reiterou que este compromiso conta xa coas partidas orzamentarias necesarias para a súa materialización. Segundo explicou, a CPTOPT aumentou ata 14 millóns de euros o orzamento necesario que o anterior goberno cifrara en 5 millóns, unha partida “totalmente insuficiente” para acometer o proxecto, dixo María José Caride. Tamén destacou a centralidade da nova ubicación, que permitirá revitalizar unha importante zona da cidade.

A proposta conta co apoio do Concello de Lugo, que deberá recoller no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a ubicación do auditorio e farase cargo da súa conservación, mantemento e xestión unha vez que estea construído. Ademais da construción do auditorio, Política Territorial encargarase das obras de urbanización da totalidade da parcela cedida polo IGVS.

Centro da Romanización no antigo cuartel
A Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, adecuará o antigo cuartel de San Fernando para a construción da futura sede do Centro de Interpretación e Museo da Romanización que formará parte da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, xunto co Parque da Cultura Castrexa (San Cibrao de Lás), o de Arte Rupestre (Campolameiro), o do Megalitismo (Costa da Morte) e o de Patrimonio Subacuático (Museo do Mar). Esta solución xa fora proposta pola conselleira, Ánxela Bugallo, no Parlamento galego en marzo de 2007 como alternativa de uso público para o antigo cuartel.

Patrimonio desenvolverá e financiará o proxecto e a execución da rehabilitación e adecuación do antedito cuartel como sede do futuro Centro de Interpretación e Museo da Romanización, segundo o proxecto que aprobará a propia consellería, coa posibilidade de construción adicional dun edificio de nova planta, cunha ocupación máxima de 375 m2 e unha superficie construída de 1.312,5 m2 en baixo, dúas plantas e aproveitamento baixocuberta.
A Consellería de Cultura e Deporte elaborará os estudos previos, efectuará as escavacións arqueolóxicas, convocará o concurso de redacción do proxecto básico e de execución do dito Centro e Museo e procederá a licitar a execución do seu proxecto construtivo. Ademais, dotará o futuro centro dos fondos e contidos que corresponden con tal destino e con outros usos culturais relacionados co patrimonio histórico da cidade de Lugo. Para executar esta obra, o Concello de Lugo cederalle á Consellería de Cultura e Deporte a titularidade do edificio do antigo cuartel.

Vivenda protexida
Dentro deste acordo entre as tres consellerías, o Departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, cede un total de 13.700 metros cadrados á COTOP para a construción do auditorio de Lugo, superficie que pertence á parcela de case 29.000 metros cadrados que a Consellería de Vivenda e Solo posúe na Avenida de Magoi. Esa parcela, cunha excelente localización na trama urbana de Lugo, permitirá albergar tamén 140 vivendas protexidas e unha importante espazo verde.

A parcela de Magoi dispón dunha superficie total de 28.357 metros cadrados, cunha edificabilidade que oscila entre os 10.000-12.00 de edificabilidade.

Neste sentido, a Consellería de Vivenda e Solo salientou que o acordo permitirá dotar a Lugo de nova vivenda a prezo taxado e, ao mesmo tempo, facilitar o terreo para que a cidade dispoña dunha nova infraestrutura cultural e de ocio.

Coa finalidade de ordenar a parte do ámbito que albergará as vivendas protexidas, a Consellería realizará a convocatoria dun concurso de ideas, que se resolverá por medio dun xurado composto maioritariamente por técnicos arquitectos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova