Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular finaliza o seu proceso de ampliación coa incorporación de seis novos membros


# Venres, 08/02/2008
Coa incorporación dos concellos de Sarria, Riveira e Carballiño -pola parte galega- e Penafiel, Lamego e Macedo de Cavaleiros -pola parte portuguesa- o Eixo Atlántico pasa a estar formado por 34 cidades

A cidade de Vigo acolleu esta mañá no Pazo de Castrelos a XXV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que, segundo o seu Secretario Xeral Xoan V. Mao, representa “un antes e un despois na súa historia” tras completar o proceso de ampliación do organismo que pasará a estar composto por 34 cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A reunión que foi inaugurada polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, contou coa presenza de presentantes de tódalas cidades membro, sendo a primeira vez que representantes das 34 cidades asisten a unha asemblea xeral do Eixo Atlántico. Así mesmo, participaron na reunión as principais institucións e axentes económicos e sociais de Galicia e do Norte de Portugal.

Coa incorporación das seis novas cidades (Sarria, Riveira e Carballiño –da parte galega- e Penafiel, Lamego e Macedo de Cavaleiros –da parte portuguesa) o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que contará este ano cun orzamento de 2,9 millóns de euros, convertirase “sistema urbano transfronteirizo máis forte de Europa”, afirmou Abel Caballero, Alcalde de Vigo e Vicepresidente do Eixo Atlántico.

Durante a Asemblea foi presentado o programa de actuacións previstas para o ano 2008 que, entre outras, recolle as seguintes inicitivas:

- o reforzamento da interlocución coa Comisión Europea e da presencia do Eixo Atlántico en Europa a través da creación da EUROMOT na localidade francesa de Lille en novembro de 2007, da cal ademais de fundadores, o Eixo Atlántico ostenta a presidencia do Bureau Político e do Bureau Executivo. Este institución constitúe a primeira rede europea de entidades transfronteirizas de proximidade.

- a elaboración dun Plan de transportes intermodal que constituirá un documento de carácter estratéxico, inserido nas orientacións da Comisión Europea, que integre o Mapa de Infraestructuras,a estratexia de intermodalidade e as directrices de ordenamento do territorio, actualizando a realidade do 2008 e cunha vixencia estimada ata 2012.

- a creación do Sistema Transfronteirizo de Información Urbana do Eixo Atlántico que ten como principal finalidade a elaboración dun informe anual sobre competitividade e cohesión das cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión

- a posta en marcha dunha Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, experiencia innovadora que segue o modelo que funciona en Barcelona, único existente na actualidade en toda Europa; así como o desenvolvemento do Programa PISU (Plano Integral de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico) en coordenación coa Axencia de Ecología Urbana de Barcelona.


Na reunión tamén foron analizados o informe de xestión e o informe económico do exercicio anterior. En opinión do Secretario Xeral do Eixo Atlántico “o ano 2007 marcou un punto de inflexión por diversas razóns, tanto de carácter estratéxico como estrutural”.

No que se refere a parte estructural, no último ano levouse a cabo unha ampliación longamente dilatada no tempo, que recoñeceu a existencia dun segundo cinturón do Sistema Urbano. A ampliación de 16 novos membros non só evidencia a boa saúde e prestixio da asociación trransfronteiriza senón o reforzamento da súa presenza institucional e unha maior independencia económica.

No ámbito estratéxico reforzouse notablemente a vertente de organización de servizos, vocacionada cara o desenvolvemento e a innovación do sistema urbano, mediante a coordinación coas directrices da Comisión Europea do novo período de Programación de Fondos Comunitarios.

Neste contexto, a adhesión de Verín, permitiu impulsar unha das fórmulas máis innnovadoras e, probablemente, con máis futuro no ámbito da cooperación de segunda xeración: a Eurocidade Chaves-Verín. Esta iniciativa constitúe, segundo reflectiu o Vicepresidente do Eixo Atlántico na súa intervención final, un “laboratorio singular de servizos compartidos, que pode colocar a nosa Eurorrexión nos niveis que por dereito lle corresponden”.

Durante o acto de clausura, no que participaron o Presidente de Caixanova e os secretarios xerais dos principais sindicatos de Galicia e de Portugal, o Alcalde de Vigo destacou tamén o papel fundamental que a organización está a desenvolver no ámbito estratéxico a través da execución das propostas contidas na Axenda Estratéxica do Eixo Atlántico, “un verdadeiro plano estratéxico da Eurorrexión elaborado por expertos das nosas universidades e debatido con tódolos axentes económicos e sociais, no que é un modelo único de gobernanza no ámbito da cooperación transfronteriza”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova