Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo organiza unha nova viaxe á neve para a mocidade lucense


# Martes, 12/02/2008
Un ciclo de charlas dirixidas aos veciños da zona rural informará sobre novidades nas políticas agrarias, a saúde e a Lei de Dependencia

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou unha nova viaxe á neve destinada aos mozos lucenses de entre 15 e 30 anos e que organiza o Concello de Lugo por quinto ano consecutivo. Nesta edición os beneficiarios gozarán dunha estancia de tres xornadas na estación de esquí de San Isidro os días 7, 8 e 9 de marzo (o grupo de 15 a 17 anos de idade) e os días 28, 29 e 30 de marzo (o grupo de 18 a 30 anos de idade).

Este ano ofértanse 100 prazas en total, que se repartirán á metade entre o grupo de menores de idade e o de maiores de 18 anos. Un dos requisitos fundamentais é que as persoas que se apunten por vez primeira terán prioridade ante os que xa participaran en edicións anteriores. No caso de que as solicitudes superen as prazas realizarase un sorteo entre todos os inscritos.

O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe, martes 12 de febreiro, ata o 22 deste mes. Outras condicións, aparte da idade, son a de estar empadroado en Lugo ou no seu defecto certificar que se traballa ou estuda na cidade.

O prezo da viaxe é de 100 euros e, ademais do transporte e do aloxamento con pensión completa, inclúe o aluguer do equipo, o forfait e un curso de esquí de dúas horas diarias. O grupo de viaxeiros menores de idade irá acompañado en todo momento por un equipo de monitores especializados.

Unha vez realizado o sorteo abrirase o prazo para efectuar o pago da tarifa de inscrición que será entre o 25 e o 29 de febreiro, para o grupo dos menores de idade, e do 13 ao 24 de marzo para o grupo dos maiores de idade.

Para máis información os interesados poden dirixirse a Oficina de Infomación Xuvenil, ubicada no Centro Social Uxío Novoneyra, de 9:00 a 14:00 horas, pola mañá, e de 16:30 a 19:00 horas pola tarde.

Charlas na zona rural

Carmen Basadre tamén presentou un novo ciclo de charlas dirixidas aos veciños da zona rural. Este programa foi deseñado tras manter xuntanzas con distintas asociacións de veciños da zona rural e os pedáneos co fin de organizar un ciclo de conferencias cunha temática adaptada aos seus intereses.

Segundo os temas consensuados cos veciños o ciclo organizase en Charlas Sanitarias, Charlas sobre a Lei de Dependencia e Charlas sobre Políticas Agrarias, materias sobre as que máis demandas de información se rexistraron nas xuntanzas.

As conferencias son totalmente gratuítas e estarán abertas á participación do público asistente co fin de ofrecer a oportunidade de plantexar as súas dúbidas e comentarios sobre estes temas aos expertos conferenciantes.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova