Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo opta a xestionar máis de 4 millóns de euros para fomentar o emprego e a creación de novas empresas


# Mércores, 13/02/2008


A Concelleira de Emprego, Sonia Méndez, anunciou a aprobación en Xunta de Goberno Local do programa “Lugo Emprego Activo” para o que se solicitará, a través do Ministerio de Administraciones Públicas, unha subvención do Fondo Social Europeo por valor de 2.300.000 euros.

Este proxecto forma parte dunha axenda de programas de inserción laboral e fomento de emprego que esta Concellería ten previsto desenvolver ao longo deste ano e cos que vai ofrecer formación, prácticas laborais e asesoramento a máis de 600 demandantes de emprego e, en especial, aos colectivos en situación de risco de exclusión laboral como son os maiores de 45 anos, as mulleres ou inmigrantes.

Para poder desenvolver todos os proxectos, a Concellería de Emprego aspira a obter en 2008 máis de 4 millóns de euros de fondos europeos, entre os que se inclúe, ademais do programa “Lugo, emprego activo”, a solicitude doutras subvencións de fondos comunitarios como FEDER e FSE que serán destinadas a por en marcha iniciativas para o fomento do emprego como escolas-obradoiros, programas de formación do Plan FIP, ou proxectos experimentais para colectivos con maiores dificultades de inserción. Outra das liñas de actuación marcadas servirá para desenvolver programas de intercambio e formación para emprendedores, mellorar a competitividade das empresas lucenses e fomentar o autoemprego.

A edil explicou que “este mes finalizan os prazos de solicitude das convocatorias polo que estamos traballando na tramitación de distintas subvencións que suman máis 4 millóns de euros para o desenvolvemento de políticas de fomento de emprego”.

Nestes programas, en caso de ser concedidas as subvencións, poderán participar directamente 600 demandantes de emprego, aos que se engadirán os usuarios que reciba o novo Centro de Emprego situado no Cei, que contará cun equipo de técnicos especializados que ofrecerá asesoramento gratuíto.

A Concellería de Emprego porá en marcha este novo Centro de Emprego que servirá para xestionar todos os fondos que se reciban e coordinar todos os programas que se deseñen, ademais de albergar as oficinas de atención ao público.

Sonia Méndez explicou que será a finais de abril cando se concedan as subvencións e amosou o seu optimismo “porque axustámonos moi ben ás liñas estratéxicas establecidas pola Unión Europea, que ademais foron adaptadas á realidade galega polo Mecega (Marco Estratéxico de Converxencia para Galicia) e que coinciden cos obxectivos establecidos polo Concello de Lugo”.

En especial, a edil destacou o proxecto “Lugo, emprego activo” que servirá de continuación ás tres edicións do programa “Lugo abrindo camiños” e demostrou a súa confianza no éxito na obtención da subvención “pois xa recibiu anteriormente este apoio económico da Unión Europea, ademais do recoñecemento internacional como exemplo de boa práctica polo que foi exportado a outras cidades europeas”.

Os obxectivos que persegue o Concello son mellorar a capacitación e a formación profesional dos traballadores, incrementar a competitividade das empresas lucenses, apoiar estratexias de igualdade da muller no mercado laboral e, en xeral, mellorar as perspectivas de emprego dos parados xóvenes e de longa duración.

“Lugo, emprego activo” desenvolverá dunha banda itinerarios integrados de inserción sociolaboral, que ofrecerán prácticas profesionais remuneradas e formación en igualdade, novas tecnoloxías ou medio ambiente. Os beneficiarios contarán con titorías individualizadas durante todo o itinerario.

Doutra banda, o programa servirá para realizar estudos de prospección de necesidades de formación e de detección de sectores económicos emerxentes para orientar dun xeito efectivo as accións de fomento do emprego cara as necesidades reais de demanda de profesionais no mercado laboral, especialmente profesións emerxentes dentro do marco propiciado pola Lei de Dependencia.

Nesta iniciativa poderán participar 300 demandantes de emprego. A edil salientou que “150 deles han de ser persoas que se atopen en risco de exclusión social, pois estes colectivos son aos que se debe dirixir a atención personalizada que ofrece o Concello de Lugo”.

Na financiación deste proxecto o Concello de Lugo participará aportando o 20% do presuposto e o 80% correponde á subvención solicitada “e que confiamos recibir como nas tres ediciósn anteriores”, incidiu a edil.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova